Skip to main content

Destacada participación de docentes da USC no debate sobre a sustentabilidade das traxectorias de gasto nas Xornadas RIFDE

A décimo terceira edición destas xornadas tivo lugar en Valencia
A décimo terceira edición destas xornadas tivo lugar en Valencia
A décimo terceira edición destas xornadas tivo lugar en Valencia

. Docentes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USAC participaron estes días en Valencia nas XIII Xornadas RIFDE sobre Finanzas Autonómicas organizadas pola Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización en España (RIFDE) en colaboración co IVIE. As xornadas centráronse na análise da sustentabilidade das traxectorias de gasto das comunidades autónomas.

O catedrático Santiago Lago Peñas, director de IDEAGOV; e os docentes da USC e codirectores de RIFDE, María Cadaval e Xoaquín Fernández Leiceaga, achegaron a súa experiencia en análise financeira e fiscal das comunidades autónomas. As súas intervencións abordaron a evolución do gasto autonómico, o cumprimento das regras fiscais e os principais capítulos de gasto —sanidade, dependencia e educación— nun contexto de crecente presión sobre os servizos públicos e debate político sobre a reforma do modelo.

Ademais da perspectiva técnica, as xornadas incluíron unha mesa institucional coa participación de responsables de Facenda de Galicia, Comunitat Valenciana, Castela-A Mancha e Rexión de Murcia. O debate centrouse en identificar prioridades e retos comúns relacionados coa sustentabilidade do gasto, as desigualdades territoriais e demográficas, e o reforzo do Estado do benestar.

O programa tamén contou con achegas de expertos doutras universidades e organismos como o Banco de España, AIReF, Funcas, Fedea e a Sindicatura de Contas. A clausura correu a cargo de María Cadaval (USC) e do director do IVIE, Francisco Pérez.

Con esta edición, as Xornadas RIFDE consolidáronse como un espazo de referencia estatal para avanzar nun diagnóstico compartido sobre a sustentabilidade das traxectorias de gasto, destacando o papel dos investigadores da USC na análise e discusión destas cuestións.
 

The contents of this page were updated on 12.01.2025.