O volume xurdido do Curso de Primavera 2024 pon o foco na relevancia social e artística da arte urbana
Pegadas no muro. Cultura urbana e arte nas rúas recolle os textos de 14 especialistas en distintas disciplinas, xunto con ilustracións de oito artistas, no que se analiza a relevancia social e artística das manifestacións coñecidas como arte urbana, graffiti e muralismo contemporáneo, cunha aproximación novidosa pois non existen precedentes en Galicia dunha publicación semellante que aborde de maneira integral estes fenómenos. A obra é o resultado do Curso de Primavera da USC que se realizou en 2024.
Algúns dos temas tratados reflicten cuestións como a arte como fenómeno social, a institucionalización do fenómeno, as tensións entre legalidade e lexitimidade, a visibilidade das mulleres ou a conquista de espazos rurais por estas manifestacións artísticas, entre outros.
A edición, a cargo das profesoras da Facultade de Humanidades Miriam Elena Cortés López e Patricia Cupeiro López en colaboración coa editorial Alvarellos e coa axuda da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC, é o resultado dun traballo colaborativo entre especialistas, profesionais e artistas realizan as súas achegas en torno ao fenómeno da arte urbana.
A arte urbana é un fenómeno artístico e social que está a experimentar un grande apoxeo en Galicia nos últimos años, como testemuñan as últimas edicións dos premios Street Art Cities, coas obras de Diego AS e Yoe 33 en Lugo, Sfhir en Fene ou Lula Goce en Nigrán. O libro ofrece unha aproximación dende diferentes perspectivas e diferentes contextos que van do internacional ao local, relatando experiencias desde Lugo ou Compostela ata México ou Santiago de Chile.
A presentación tivo lugar esta semana en Lugo, no adarve da Muralla cando se cumpre o 25 aniversario da súa Declaración como Patrimonio da Humanidade e nas proximidades do mural de Copora (A Castrexa).