Camuflar os trazos autistas aumenta o estrés?
Esconder os trazos autistas en situacións sociais pode ter un custo maior do que se pensaba para a saúde. Un estudo liderado desde o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) a través do grupo Genomics and Bioinformatics e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), do que tamén forma parte a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Karolinska Institutet de Suecia, revelou que estas estratexias asócianse con marcadores de estrés psicolóxico e biolóxico, achegando unha nova perspectiva sobre como afecta a camuflaxe á saúde das persoas autistas.
“Este é o primeiro traballo que logrou achar evidencias de que a camuflaxe de trazos autistas pode actuar como estresor crónico, influíndo no eixo HPA (hipotálamo-hipofisario-adrenal), principal sistema de resposta do corpo ao estrés que involucra o hipotálamo, a hipófise e as glándulas suprarrenais, o que provoca unha elevación do cortisol acumulado. Esta investigación achega, por tanto, información chave para comprender mellor o burnout autista —un fenómeno cada vez máis estendido—, a saúde mental e para detectar perfís de risco”, explica a investigadora do CiMUS e coautora do estudo, Sabela Conde-Pumpido Zubizarreta.
315 persoas xemelgas participantes
O traballo analizou 157 parellas de xemelgos da cohorte sueca RATSS (Roots of Autism and ADHD Twin Study in Sweden), entre as cales 69 participantes eran persoas autistas sen discapacidade intelectual. A diferenza de estudos anteriores, baseados principalmente en cuestionarios, esta investigación incorporou un biomarcador obxectivo: a concentración de cortisol no cabelo, un marcador de estrés a longo prazo, que reflicte o estrés acumulado durante aproximadamente cinco meses. Esta aproximación permitiu obter unha imaxe máis obxectiva sobre o impacto da camuflaxe no organismo.
Os resultados mostraron que, a nivel xeral, as persoas que utilizaban con máis frecuencia estratexias de camuflaxe tendían a presentar maiores niveis de cortisol acumulado. No caso das persoas adultas, a camuflaxe asociouse tanto con síntomas relacionados co estrés psicolóxico como con niveis elevados de cortisol, o que subliña o impacto destas estratexias na vida adulta.
A xenética, factor chave
O estudo puido examinar, grazas á mostra de persoas xemelgas, o papel dos factores xenéticos e o ambiente familiar nesta relación. Os resultados indican que estes factores contribúen de maneira importante a como se vinculan camuflaxe e estrés.
“Pero o achado máis rechamante chegou ao controlar precisamente eses factores familiares e xenéticos: nas parellas nas que ambas as persoas eran autistas e nas parellas adultas, unha camuflaxe máis intensa asociouse con niveis máis baixos de cortisol acumulado. Unha posible explicación é que o uso continuado da camuflaxe fatigue o sistema neuroendocrino, reducindo a capacidade do organismo para producir cortisol de forma sostida”, comenta Conde-Pumpido Zubizarreta.
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está subvencionado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel estatal como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).