Skip to main content

Máis dun centenar de especialistas comparten sinerxías no sexto Workshop Anual do CiMUS da USC

Desde o CiMUS subliñan a relevancia deste workshop concibido como un espazo para compartir resultados. FOTO: Santi Alvite
Desde o CiMUS subliñan a relevancia deste workshop concibido como un espazo para compartir resultados. FOTO: Santi Alvite
Este é un espazo para compartir resultados, conectar talento novo e consolidar un enfoque interdisciplinario que impulse a ciencia biomédica galega cara ao ámbito internacional
Santiago de Compostela

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) desenvolve do 17 ao 18 de decembro o seu Workshop Anual, un encontro que camiña xa pola súa sexta edición e que está concibido para reforzar a interacción científica entre os grupos do centro e promover a investigación interdisciplinaria no ámbito das ciencias biomédicas. Durante estas dúas xornadas, máis dun centenar de especialistas do CiMUS presentarán os seus traballos a través de comunicacións orais e pósteres científicos.

Ademais, o programa inclúe dúas conferencias maxistrais que permitan ampliar coñecementos e xerar novas perspectivas de investigación de man de dúas figuras científicas de recoñecido prestixio como son Luis M. Liz-Marzán, investigador de referencia en nanomateriais plasmónicos, adscrito como profesor de investigación Ikerbasque no Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais (CIC biomaGUNE) e membro do Centro de Investigación Biomédica en Rede na área temática de Bioenxeñaría, Biomateriais e Nanomedicina (CIBER-BBN) e do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo e Guadalupe Sabio, responsable do Grupo de Interacción entre Órganos en Enfermidades Metabólicas do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO).

Liz-Marzán presenta modelos celulares 3D de cancro de mama impresos en 3D que integran biosensado e imaxe mediante SERS. Estes modelos incorporan nanopartículas plasmónicas e etiquetas específicas que permiten monitorizar, en tempo e espazo, a evolución tumoral, demostrando a versatilidade destas plataformas. Pola súa banda Guadalupe Sabio profunda no papel do corazón como órgano crave na regulación metabólica sistémica. A súa investigación revela como o estrés metabólico altera a comunicación entre corazón, tecido adiposo, fígado e músculo, contribuíndo a patoloxías como a obesidade, a diabetes e as enfermidades cardiovasculares.

Talento novo 

Desde o CiMUS subliñan a relevancia deste workshop concibido como un espazo para compartir resultados, conectar talento novo e consolidar un enfoque interdiciplinario que impulse a ciencia biomédica galega cara ao ámbito internacional. A cita tamén reforza o papel do centro como referente na promoción de sinerxías e a excelencia investigadora.

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está subvencionado pola Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel estatal como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).
 

The contents of this page were updated on 12.17.2025.