Skip to main content

O curso de primavera da USC ‘Cultura e Humor’ comeza este martes na Facultade de Humanidades

Cartaz do curso
Cartaz do curso

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, inaugura este martes, a partir das 9.30 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, o curso de primavera da USC ‘ Cultura e Humor’, un programa de formación e divulgación organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que está coordinado na súa duodécima edición polos profesores Alexandre Veiga e María Jesús Vázquez Lobeiras.

A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e Xosé Antón Ledo, en representación da Deputación Provincial de Lugo, tamén intervirán no acto de apertura do XII Curso de Primavera da USC, un foro que evoca da memoria do pensador lucense Celestino Fernández de la Vega, autor do senlleiro ensaio ‘O segredo do Humor’ (1963).

A quenda de relatorios deste curso, cuxa ampla temática abrangue tanto as manifestacións do humor na literatura ou na política antigas como sucesos tráxicos, tales como como o episodio de Charlie Hebdo, comezará cunha intervención da Facultade de Filoloxía da USC Eva Castro Caridad, quen falará sobre o humor e a crítica na poesía latina.

Luis Valle, António José Ferreira Afonso, Félix Caballero, Dénis Iglesia e María Xesús Vázquez Lobeiras completan a nómina de relatores desta primeira xornada do curso ‘Cultura e Humor’, un seminario que se desenvolverá ata o venres 22 de abril no campus de Lugo e no que intervirán profesores e investigadores universitarios, ademais de especialistas estranxeiros.

Cómpre citar así, á profesora da Universidade de Atenas Theodora Grigoriadou, que falará da influencia do autor satírico latino Luciano de Samósata na literatura satírica española, a tamén profesora e hispanista da Universidade de Rennes Françoise Dubosquet, autora de diversas publicacións encol do humorismo gráfico de El Roto, ou mesmo o profesor ad honorem de Humanidades Max Jean Zins, que ofrecerá a súa visión sobre o tráxico suceso de Charlie Hebdo.

The contents of this page were updated on 04.18.2016.