Skip to main content

A USC e Concello mindoniense impulsan o proxecto 'Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio'

Viaño e Candia, trala sinatura do convenio na Facultade de Humanidades
Viaño e Candia, trala sinatura do convenio na Facultade de Humanidades
Viaño e Candia asinan en Humanidades un convenio, en virtude do que o Centro de Estudos de Historia da Cidade desenvolverá ata 2018 as accións previstas no proxecto

O reitor da USC, Juan Viaño, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, asinaron este martes na Facultade de Humanidades do Campus Terra un convenio entre as dúas institucións para o desenvolvemento do proxecto ‘Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio’, unha actuación encamiñada á realización do estudo do patrimonio cultural mindoniense e á súa valorización.

O obxectivo último deste proxecto é o de dotar o Concello de Mondoñedo dos instrumentos máis acaídos para a posta en valor dos recursos patrimoniais, históricos e culturais mindonienses, segundo indicou a alcaldesa. Elena Candia remarcou asemade que a implicación da USC neste proxecto é xa unha garantía de éxito dos resultados duns traballos, cuxa execución debe estar rematada en decembro de 2018. As actuacións contempladas no convenio suscrito entre a USC e o Concello de Mondoñedo serán desenvolvidas por un equipo dirixido polo profesor do Departamento de Historia da USC e secretario do Centro de Estudos de Historia da Cidade, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, tamén presente no acto de sinatura do acordo, no marco dunha sesión na que tamén participaron os vicerreitores de Coordinación e Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno e Carme Silva; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, e a tamén profesora da USC e directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade, Ana Goy Diz. Contido do proxecto O proxecto ‘Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio’, toma como punto de partida o estudo do patrimonio cultural mindoniense a través do recurso ás fontes documentais conservadas nos propios arquivos municipal e catedralicio mindoniense. Este baleirado documental inclúe tamén o rastrexo de novas e informacións que se puideran localizar, entre outros, no Arquivo do Reino de Galicia, Arquivo Histórico Nacional, Arquivo da Chancillería de Valladolid e mesmo no Arquivo Militar de Segovia. Unha vez compilada toda a información pertinente, o proxecto contempla a súa estrutura ordenada en aras a facilitar a súa localización e tamén as posibilidades de uso. Nunha primeira fase dos traballos, que se podería prolongar durante un período aproximado de seis meses, os investigadores do Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC procederán á recompilación e ao baleirado das fontes documentais existentes, así como de planos de épocas pasadas sobre a cidade de Mondoñedo (trazado das rúas, casas, edificios principais, fontes, cursos de auga, perímetro amurallado, vías de acceso...), festividades (San Xoán, As San Lucas...), vida cotiá (oficios, vestimenta, alimentación...). Beneficios e orzamento do proxecto Os posibles beneficios derivados da execución deste proxecto, que conta cunha partida económica de máis de 60.000 euros, redundarían na posta en valor dos elementos patrimoniais da cidade de Mondoñedo mediante a confección de paneis, ben estáticos ou incluso mediante imaxes, para informar ao visitante sobre o patrimonio mindoniense. A posta en marcha e sinalización de rutas históricas, etnográficas... serviría para conectar elementos patrimoniais e enclaves relevantes do concello e contribuír así á súa posta en valor, como podería ser o caso do castro de Zoñán. A creación dunha base de datos do patrimonio histórico e cultural mindoniense, a musealización in situ de determinados bens, a mellora da web municipal, a elaboración de vídeos de promoción da cidade e a disposición dunha ferramenta de asesoramento de grande utilidade para múltiples ámbitos, constitúen outras das posibles vantaxes que reportará o proxecto ‘Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio’.

Candia apuntou o turismo como un dos sectores ou ámbitos que máis proveito pode sacar a sociedade e a cidade de Mondoñedo dun proxecto, que, segundo indicou a directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade, Ana Goy Diz, tamén pode contribuír a frear a sangría demográfica de Mondoñedo e a mellorar a estima da cidade das súas xentes.

The contents of this page were updated on 05.10.2016.