Acto de graduación da quinta promoción do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos
A Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo celebrará este venres, a partir das 19.00 horas, o acto de graduación da quinta promoción de titulados do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, integrada por 38 estudantes que completaron esta formación universitaria no período comprendido entre 2011 e 2015.
A cerimonia de graduación desenvolverase no salón de actos do centro universitario lugués, no marco dunha sesión académica na que participarán a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; o deputado delegado da área de Cooperación cos Concellos da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos; o secretario do Colexio de Graduados Sociais de Lugo, Ángel Regueira Racamonde, Francisco Real Castro, conselleiro delegado institucional da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), e a directora da escola universitaria de Relacións Laborais, Mercedes Montes. O deputado delegado das áreas de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo e presidente da Fundación Campus Universitario de Lugo, Mario Outeiro Iglesias, quen tamén actuará como padriño nos novos egresados, será o encargado de presidir este acto académico, no marco do que se procederá á entrega de diplomas e imposición de insignias aos novos graduados/as. O acto de graduación da quinta promoción de titulados do grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos servirá tamén de escenario para que a Fundación Campus Universitario de Lugo e o Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo fagan un recoñecemento público ao mellor expediente da anterior promoción, unha distinción que premia os méritos académicos de Jéssica Regueiro Fernández.