Skip to main content

Unhas xornadas analizan en Humanidades a formación no eido das ciencias da cultura e as súas aplicacións laborais e industriais

Participantes das xornadas en xestión e mediación cultural en Humanidades
Participantes das xornadas en xestión e mediación cultural en Humanidades
Carme Silva, Isabel González Rey e Gonzalo Fernández inauguraron a quinta edición deste foro monográfico que reúne máis de 30 participantes

A importancia do saber humanístico para a industria cultural, as ciencias humanas como alternativa para enfrontar a realidade, o uso das TIC na difusión do patrimonio cultural ou os criterios para o deseño de produtos culturais atractivos son algúns dos temas de análise e debate no marco da xornada de mediación e xestión cultural celebrada na Facultade de Humanidades do campus de Lugo baixo o título ‘Qué debemos coñecer da cultura?’.

Esta xornada monográfica, dirixida fundamentalmente ao estudantado do centro universtario, pero aberta tamén á participación de todas as persoas interesadas no mundo das ciencias da cultura, busca ser un escaparate dos distintos programas formativos que ofrece sobre este campo a Facultade de Humanidades da USC, na que se imparten un grao en Ciencias da Cultura, un máster en Servizos Culturais e un programa de doutoramento en estudos culturais, segundo indicou a decana María Isabel González Rey. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, e o vicedecano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Fernández, tamén participaron no acto de apertura deste foro monográfico sobre mediación e xestión cultural, no que formalizaron a súa inscrición máis de 30 persoas. A técnico da Área de Orientación Laboral do campus de Lugo da USC, Gloria Cruz Amil, abriu a quenda de relatorios da xornada cunha intervención na que abordou a importancia do saber humanístico para a industria cultural. De seguido, a profesora Montserrat Pena Presas falou sobre ciencias humanas como enfoque da realidade. O emprego das TIC para a difusión do patrimonio cultural e o deseño de produtos culturais atractivos centraron as intervencións da profesora e académica Ana Goy, así como de Ana Quicler, coordinadora xeral do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa. O presidente da asociación profesional de guías turísticos de Galicia, Diego Fernández Lamas, falou, xa en quenda de tarde, sobre o cometido dos guías turísticos como xestores culturais, unha intervención á que seguiu outra sobre o audiovisual galego, a cargo do profesor e investigador da USC Antonio Mourelos.

A xestión cultural na actualidade a a cultura colaborativa foi o tema do último relatorio da xornada, a cargo de Alberto García Sánchez. Ao remate da súa exposición, ex alumnos do centro universitario lugués participaron nun coloquio cos actuais estudantes no que debateron sobre existe suficiente información no ámbito profesional das Ciencias da Cultura.

Fernández, Silva e González, na apertura do foro

The contents of this page were updated on 11.12.2015.