Ir o contido principal

O Campus Itinerante de IV Ciclo baixa o pano este martes 9 en Ribeira

Imaxe de arquivo dunha clase de IV ciclo na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha clase de IV ciclo na USC. FOTO: Santi Alvite
Trátase dunha proposta interxeracional, dirixida a toda a poboación galega de máis de 50 anos, pero sobre todo ao colectivo xubilado e prexubilado para promover o avellentamento activo
Santiago de Compostela

A iniciativa Campus Itinerante de IV CICLO é unha proposta interxeracional, dirixida a toda a poboación galega de máis de 50 anos, pero sobre todo ao colectivo xubilado e prexubilado para promover o avellentamento activo. A USC organizou este Campus, grazas ao financiamento da Dirección Xeral de Maiores e Servizos Sociosanitarios da Xunta de Galicia, de cara a previr a dependencia e a favorecer a autonomía persoal, a través dun diverso programa de actividades que este martes 9 baixa o pano cun acto de clausura no que participará a directora do IV Ciclo da USC, Esther Olveira, e a subdirectora xeral de Recursos Residenciais e de Atención Diurna da Xunta de Galicia, Yolanda Otero. A sesión contará cun relatorio do profesor da USC Ángel Carracedo e botará a andar a partir das 18.00 horas no Auditorio municipal do Concello de Ribeira.

Desenvolto coa colaboración da Mancomunidade de Barbanza Arousa, este Campus quere favorecer a construción dunha sociedade que garanta os dereitos e deberes para todas as idades en igualdade de oportunidades. “Con este programa pretendemos que o envellecemento activo sexa unha aposta clara por ser máis asertivos nas tomas de decisión pero tamén na mellora da función cognitiva-sensorial para evitar a súa diminución mediante o incremento da funcionalidade física, favorecendo unha mellora da autoestima e da autosuficiencia”, explica a directora do Programa Universitario de Maiores, IV CICLO da USC, Esther Olveira. O campus contou con especialistas de diferentes disciplinas. Saúde cardio saudable, depresión, saúde visual, nutrición ou xenómica e medicina personalizada foron algunhas das cuestións abordadas no foro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2024.