Ir o contido principal

O IV Ciclo inicia un ciclo de conferencias sobre temas de actualidade co lema ‘Destacando na Ciencia’

Imaxe de arquivo do IV ciclo da USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo do IV ciclo da USC. FOTO: Santi Alvite
Celebrarase esta semana na Facultade de Filoloxía abordando diversos temas de actualidade da man de especialistas en cada un dos asuntos propostos
Santiago de Compostela

O IV Ciclo, iniciativa formativa dirixida a alumnado maior de 50 anos con independencia do seu nivel previo, iniciou este luns 17 o seu programa de conferencias ‘Destacando na ciencia’. Na primeira das citas, a doutora Xoana Pintos Barral, autora dunha tese sobre as mulleres nos estudos experimentais na USC, reflexionou na súa conferencia sobre a evolución da presenza das mulleres na ciencia en perspectiva histórica.

A próxima cita será este martes 18, de 11.30 a 12.30 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, coa conferencia ‘A sucesión por causa de morte en Galicia’ a cargo da profesora da Facultade de Dereito Marta Carballo Fidalgo. O ciclo completarase con dous relatorios máis sobre comunicación e sobre historia empresarial. No primeiro deles, o docente da Facultade de Ciencias da Comunicación Xosé Antonio Neira Cruz abordará o xoves 20, na mesma Facultade de Filoloxía de 11.30 a 12.30 horas, o papel da comunicación como ferramenta de análise individual e social. Para completar a programación, o profesor da Área de Historia e institucións económicas Xoán Carmona Badía pronunciará o venres 21, á mesma hora e lugar, a conferencia titulada ‘Historia empresarial e patrimonio industrial’.

Para acadar máis información sobre o ciclo ou sobre o proceso de inscrición, as persoas interesadas poden dirixirse á secretaría do Programa Universitario de Maiores (IV Ciclo), a través do teléfono 881 814 588.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.