Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 102 Horas de Titorías: 6 Clase Expositiva: 18 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Didácticas Aplicadas
Áreas: Didáctica da Lingua e a Literatura
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
-Capacitar ao futuro profesorado para planificar as ensinanzas e deseñar unidades didácticas na área de Lingua galega e literatura para alumnado da ESO e o Bacharelato de características e contextos diversos.
-Transmitir aos futuros formadores a conciencia e sensibilidade sociolingüística requirida para o ensino de lingua e literatura nun contexto multilingüe.
-Coñecer en profundidade o currículo de Lingua galega e literatura nos distintos niveis da educación secundaria e transformar os currículos en programas de actividades e de traballo.
-Manexar materiais curriculares, aprender a seleccionar os máis motivadores, eficaces e adaptados ao nivel curricular, así como a elaboralos persoalmente con criterios de motivación, eficacia e adaptación ao contexto ou necesidades específicas dun/ha alumno/a o grupo de alumnos/as.
-Familiarizar ao alumnado cos distintos documentos de concreción do currículo e coa elaboración de programacións, programacións de aula e unidades didácticas da materia Lingua galega e literatura.
-Preparar ao alumnado para traballar como docentes de lingua e literatura nun contexto tecnolóxico, utilizando os recursos que achegan as TIC como fonte de materiais curriculares, ferramenta de traballo e de elaboración de materiais on-line así como novo contexto que require o dominio de novas estratexias comunicativas.
-Reflexionar sobre as consecuencias pedagóxicas e as implicacións didácticas dun marco teórico pragmático, orientado ao desenvolvemento das competencias lingüísticas, á lingua en uso nos diversos contextos sociais.
-Coñecer a literatura xuvenil e ser capaz de seleccionar textos de lectura motivadores e adecuados para os distintos niveis da educación secundaria, para acadar o desenvolvemento dun gusto pola lectura e a adquisición desta como fonte de ocio, coñecemento e pracer.
-Coñecer técnicas de obradoiro literario adaptadas aos distintos niveis da educación secundaria que permitan un achegamento non só pasivo aos textos literarios, senón tamén desde a creación e a creatividade.
-Dominar as estratexias para acadar a mellora dos distintos aspectos da competencia lingüística (ortografía, puntuación, redacción, expresión oral...) para os distintos niveis da educación secundaria.
-Coñecer as dificultades para a aprendizaxe do galego de estudantes inmigrantes que non teñen o galego como lingua materna e practicar a elaboración de materiais curriculares específicos.
-Coñecer procedementos e técnicas de avaliación dos aspectos curriculares de Lingua galega e literatura e entender a avaliación como un procedemento de regulación da aprendizaxe e de estímulo ao esforzo.
-Reflexionar sobre as prácticas de aula para innovar e mellorar o labor docente e adquirir hábitos e destrezas para a aprendizaxe autónoma e cooperativa e promovelos nos alumnos e alumnas.
1. A aula: un espazo de comunicación. O papel do/a profesor/a e do/a alumno/a.
2.O currículo de Lingua galega e literatura na Educación Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato. Coñecemento do seu DCB.
3. O ensino integrado de linguas. A transversalidade e o tratamento de contidos transversais dende a materia de Lingua galega e literatura.
4.Lectura, literatura e educación literaria na Educación Secundaria.
4.1. A literatura especificamente xuvenil e os criterios de selección de textos literarios para o seu uso con alumnos/as de Educación Secundaria.
4.2. Os obradoiros literarios: actividades para potenciar a creatividade literaria. Os concursos literarios orientados á Educación Secundaria (Premios Minerva, Concurso Coca-cola para alumnos de 2º ESO, etc.) e os Clubs de Lectura das bibliotecas de instituto.
4.3. O plan lector nos institutos de Educación Secundaria.
5. Recursos bibliográficos, audiovisuais e informáticos para traballar na aula coa materia de Lingua galega e literatura. Valoración crítica dos mesmos.
6. Os medios de comunicación e a Educación Secundaria.
7. Elaboración de propostas didácticas (programacións e unidades) para algún curso da Educación Secundaria na materia de Lingua Galega e Literatura.
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA
-García Gutiérrez, Mª E. (coord.) (2006). La educación lingüística y literaria en secundaria: materiales para la formación del profesorado. Vol. I, La educación lingüística. Vol II, La educación literaria. Consejería de Educación / Univ. de Murcia.
-Mata, Juan, Mª del Pilar Núñez et. al. (2015). Didáctica de la lengua y la literatura. Madrid: Pirámide.
-Silva Valdivia, B. (coord.) (2005). A literatura na Educación secundaria. Santiago de Compostela: Instituto de Ciencias da Educación.
-Silva Valdivia, B. (dir.) (2008). Situación do ensino da Lingua e da literatura galega na educación secundaria obrigatoria. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA
-Álvarez Angulo, Teodoro (2010). Competencias básicas en escritura. Barcelona: Octaedro.
Gúrpide Ibarrola, C; N. Falcó Avellana; A. Bernad Puig (2010). Espejos de la ficción. Los talleres de escritura. Pamplona: Pamiela Editorial.
-Hernández, A. (2005). Mejorando la composición escrita: estrategias de aprendizaje. Málaga: Aljibe.
-Janer Manila, G. (1989). Pedagogía de la imaginación poética. Barcelona: Aliorna.
-Jover Gómez Ferrer, G. (2007). Un mundo por leer. Educación, adolescentes y literatura. Barcelona: Octaedro.
-Leibrandt, I. (2008). Las herramientas electrónicas en la didáctica de la literatura. Navarra: Eunsa.
-Mantilla Sánchez, Lizette (2009). Animando a leer. Técnicas para incentivar la lectura. Trillas Eduforma.
-Muriano Rodríguez, Montse (ed.) (2020) Habitando historias. 10 experiencias arredor do libro e da lectura. Vigo: Galaxia.
-Silva Valdivia, B. (1990). “Lingua galega e lingua española, unha interacción pedagoxicamente necesaria”, Cadernos de lingua, 1, 119-124.
-Silva Valdivia, B. (coord.) (1994). Didáctica da lingua en situacións de contacto lingüístico. Santiago de Compostela: Instituto de Ciencias da Educación.
-Silva Valdivia, B. (coord.) (2000). A lingua e a literatura: algúns aspectos didácticos. Santiago de Compostela: Instituto de Ciencias da Educación.
-Torres Santomé, J. (2009). O ensino en sociedades educadoras. Vertebrar a actividade escolar e extraescolar, Eduga, 55.
-Vez Jeremías, J. M. (1988). “Comportamiento lingüístico. Lenguaje, sociedad y escuela”, en J. García Padrino y A. Medina (dirs.). Didáctica de la Lengua y la Literatura. Madrid: Anaya.
-VV. AA. (2015). Poesía hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas. A Coruña: Apiario.
A materia contribuirá particularmente ao desenvolvemento das seguintes competencias xerais, específicas e transversais:
Competencias xerais
• Planificar, desenvolver e avaliar o proceso de ensino e aprendizaxe potenciando procesos educativos que faciliten a adquisición das competencias lingüísticas e literarias, atendendo ao nivel e formación previa dos estudantes, así como á orientación dos mesmos, tanto individualmente como en colaboración con outros docentes e profesionais do centro.
• Buscar, obter, procesar e comunicar información (oral, impresa, audiovisual, dixital ou multimedia), transformala en coñecemento e aplicala aos procesos de ensino e aprendizaxe en Lingua galega e literatura nos distintos niveis da Educación Secundaria.
• Deseñar e desenvolver metodoloxías didácticas tanto grupais como individuais, adaptadas á diversidade dos/as estudantes.
• Adquirir estratexias para estimular o esforzo do/a estudante e promover a súa capacidade para aprender por si mesmo e con outros e desenvolver habilidades de pensamento, decisión e expresión lingüística que faciliten a autonomía, a confianza e iniciativas persoais.
• Coñecer os procesos de interacción e comunicación na aula e dominar destrezas e habilidades sociais necesarias para fomentar a aprendizaxe e a convivencia na aula e dominar destrezas e habilidades sociais necesarias para fomentar a aprendizaxe e a convivencia na aula e resolver conflitos e problemas de disciplina.
Competencias específicas
• Transformar os currículos en programas de actividades e de traballo.
• Adquirir criterios de selección e elaboración de materiais educativos.
• Fomentar un clima que facilite a aprendizaxe e poña en valor as achegas dos/as estudantes.
• Integrar a formación en comunicación audiovisual e multimedia no proceso de ensino-aprendizaxe.
• Coñecer e aplicar propostas docentes innovadoras na disciplina de Lingua galega e literatura.
Competencias transversais
• Xestionar de forma óptima o tempo de traballo e organizar os recursos dispoñibles, establecendo prioridades, camiños alternativos e identificando erros lóxicos na toma de decisións.
• Potenciar a capacidade para o traballo en contornos cooperativos e pluridisciplinarios.
Preténdese unha metodoloxía didáctica baseada fundamentalmente na participación e na cooperación, de maneira que as aprendizaxes se produzan a partir da análise crítica de documentos, do contraste de ideas e argumentos, e da valoración compartida de informacións, recursos e estratexias didácticas.
Deste modo, o traballo centrarase principalmente na elaboración de sínteses (con comentario e valoración crítica por parte do alumnado) dos contidos previamente presentados na aula polo profesor, ademais de na preparación dunha programación docente dun curso académico da materia de Lingua galega e literatura. Estas programacións defenderanse oralmente e exporanse unidades didácticas tomadas delas, coas súas actividades.
A distribución do horario en sesións expositivas e interactivas entenderase de forma flexible, pero permitirá utilizar dúas metodoloxías complementarias:
a) As sesións expositivas utilizaranse para establecer pautas sobre o desenvolvemento didáctico da propia materia e para facilitar a información básica relacionada con cada tema.
b) As sesións interactivas servirán para desenvolver máis polo miúdo os contidos e para contrastar ideas e tomar postura persoal sobre os mesmos. Para iso, poderá organizarse o alumnado en pequenos grupos onde os/as estudantes deberán afondar nos distintos temas e guiar a súa discusión en gran grupo.
As sesións interactivas terán como finalidade servir para resolver dúbidas que faciliten logo a realización dos traballos de síntese e mais da programación e das súas unidades didácticas.
A avaliación estará guiada polos obxectivos e polas competencias recollidas neste programa e deberá permitir medir o seu grao de consecución.
Coherentemente coa metodoloxía proposta, a avaliación da materia centrarase na valoración dos traballos de síntese, programación e unidades didácticas. A valoración realizarase a partir da calidade dos propios documentos elaborados no caso dos traballos de síntese e desta e mais da calidade da defensa oral no caso da programación e unidades didácticas. Serán necesarias para a superación da materia a asistencia e participación nas actividades da aula, a realización tanto do traballo de síntese coma da programación e unidades didácticas, así como a participación activa en comentarios e debates xurdidos a partir das exposicións orais dos/as compañeiros/as. A avaliación estará, pois, orientada á comprobación do desenvolvemento efectivo das competencias didácticas e docentes na área de Lingua galega e literatura.
As porcentaxes de cualificación que se manexarán en cada caso son as seguintes:
Asistencia e participación na dinámica de aula (15%)
Traballo de síntese (25%)
Programación e unidades didácticas (textos escritos e exposicións orais) (60%)
Sen prexuízo do anterior, e seguindo a normativa vixente, todo o alumnado poderá sempre acollerse á realización do exame final oficialmente establecido para a materia e ser avaliado a través desta proba que o profesor preparará a partir dos contidos da mesma expresados na presente programación.
ALUMNADO CON DISPENSA DE ASISTENCIA ÁS CLASES:
De haber algún/ha alumno/a con dispensa de asistencia a clase en aplicación de normativa superior, a súa avaliación realizarase da seguinte maneira:
Traballo de síntese (30%)
Programación e unidades didácticas (texto escrito) (70%)
Este alumnado deberá poñerse en contacto co profesorado da materia nos 10 primeiros días do semestre, contados a partir do inicio da actividade lectiva, para acordaren o plan de traballo correspondente.
SEGUNDA OPORTUNIDADE:
No caso de que unha das partes (traballo de síntese ou programación e unidades didácticas) estea superada, conservarase e o/a alumno/a terá a opción de presentar na nova convocatoria unicamente o instrumento da parte da avaliación non superada.
ALUMNADO REPETIDOR:
Será avaliado como o de nova matrícula, aplicándoselle, en consecuencia, os criterios xerais que se indicaron con anterioridade.
Traballo presencial: 42 horas, que abranguen clases expositivas nas que se tratarán os distintos contidos e clases interactivas centradas en exposicións, debates, elaboración de actividades e comentario e corrección das mesmas, etc.
Traballo persoal do/a alumno/a: 108 horas, que se distribuirán en estudo autónomo, lectura de materiais e bibliografía e mais preparación dos traballos e da súa exposición.
As recomendacións para o estudo da materia inclúen a asistencia activa e participativa, a lectura da bibliografía recomendada, a implicación nas actividades prácticas propostas e a reflexión sobre a importancia da propia actitude lingüística e literaria, que constituirá no futuro exercicio docente o modelo para alumnos e alumnas de Educación Secundaria e que, como tal, debe ser un exemplo lingüístico e literario axeitado. O uso lingüístico do profesorado ten un papel esencial na formación de individuos plurilingües, con flexibilidade para o uso das diversas linguas e que valoren estas non só como códigos de comunicación funcional, senón como elementos clave do patrimonio cultural e da construción da propia identidade e a apertura a outras culturas e sociedades. Do mesmo xeito, recoméndase ler, amosar interese pola literatura e integrala nas vidas dos estudantes, pois só un profesor ou profesora que le poderá no futuro transmitir o gozo e o hábito da lectura.
RESPONSABILIDADE MEDIOAMBIENTAL
En relación aos traballos escritos que se realicen para a materia cómpre ter en conta as seguintes indicacións:
- Evitar tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
- Sempre que sexa posible, empregar grampas en lugar de encadernados.
- Imprimir a dúas caras en calidade “aforro de tinta”.
- Non empregar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
- Evitar anexos que non teñan referencia directa cos temas desenvolvidos.
PERSPECTIVA DE XÉNERO
En cumprimento das directrices da USC en materia de igualdade, recoméndase o emprego dunha linguaxe inclusiva e non sexista.
OUTRAS OBSERVACIÓNS
No caso de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
Lémbrase ao alumnado que debe usar nas súas comunicacións a conta de correo rai, así como servirse das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade.
Neste sentido, recoméndase ao alumnado que empregue como medio preferente para a entrega de traballos o Campus Virtual.
Do mesmo xeito, evitarase empregar o teléfono móbil, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo/a docente, responsabilizándose o alumnado das consecuencias legais e académicas que podan derivarse dun emprego non axeitado do mesmo.
Así mesmo, cómpre lembrar que o ensino-aprendizaxe (clases / titorías) é un proceso privado, e que como tal debe manterse na comunicación e intercambio entre o/a docente e o estudantado matriculado na materia.
Finalmente, recórdase a obrigatoriedade do cumprimento da normativa de protección de datos https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos
Armando Requeixo Cuba
Coordinador/a- Departamento
- Didácticas Aplicadas
- Área
- Didáctica da Lingua e a Literatura
- Correo electrónico
- armando.requeixo.cuba [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Asociado/a de Universidade LOSU
Mércores | |||
---|---|---|---|
16:00-19:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | (CAMPUS NORTE) - AULA 23 |
Xoves | |||
16:00-19:00 | Grupo /CLIS_01 | Galego | (CAMPUS NORTE) - AULA 23 |
22.05.2025 16:00-18:00 | Grupo /CLE_01 | (CAMPUS NORTE) - AULA 24 |
30.06.2025 18:00-20:00 | Grupo /CLE_01 | (CAMPUS NORTE) - AULA 21 |