Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Didáctica e Organización Escolar
Centro Facultade de Formación do Profesorado
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
O obxectivo xeral da materia é achegar ao alumnado aos coñecementos, habilidades e destrezas precisas para iniciarse no desenvolvemento das competencias vinculadas ao ámbito da didáctica e da profesión docente (competencias da materia). Para acadar este obxectivo e conseguir o desenvolvemento das competencias que se establecen no Plan de Estudos para esta materia propóñense os seguintes obxectivos específicos:
Obxectivos referidos ao saber (S):
1) Recoñecer as características da sociedade actual e da educación infantil, comprendendo as súas relacións e influencias.
2) Coñecer os elementos configuradores da profesión docente, atendendo á figura da mestra/e da etapa de Educación Infantil.
3) Comprender como é e como se desenvolve a práctica docente no ensino de infantil.
Obxectivos referidos ao saber facer (SF):
4) Construír un esquema básico da organización, configuración e características da etapa de Educación Infantil no contexto máis inmediato
5) Analizar a figura do mestre/a de Educación Infantil dende a perspectiva da formación e da profesionalización
6) Iniciarse no desenvolvemento daquelas funcións máis destacadas da práctica docente no ensino de infantil (organización, planificación, observación, comunicación)
Obxectivos referidos ao saber ser (SS):
7) Valorar a importancia da Educación Infantil na sociedade actual e, por conseguinte, da profesión de mestre/a nesta etapa
8) Ser consciente do compromiso ético e socioeducativo que supón a profesión de mestre/a na sociedade actual
9) Cooperar cos compañeiros e compañeiras nas distintas tarefas a realizar respecto da labor docente, respectando as diferenzas e responsabilizándose das tarefas e compromisos propostos
Tamén será un obxectivo de grande relevancia nesta materia o de acadar e demostrar, por parte do alumnado, competencia en lingua galega, por formar parte esta materia do proxecto CompetenteS, impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade.
A continuación establécense os contidos da materia, organizados segundo bloques temáticos:
BLOQUE I: Didáctica na Educación Infantil
- Concepto, enfoques e sentido da educación infantil
- Bases curriculares da educación infantil
- A didáctica (práctica docente) na educación infantil
BLOQUE II: Profesión Docente
- A profesión docente na actualidade
- O desenvolvemento profesional dos mestres/as de educación infantil
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA
BLOQUE I: DIDÁCTICA NA EDUCACIÓN INFANTIL
BEREMEJO, B. & BALLESTEROS, C. (Coords.) (2017). Manual de didáctica general para maestros de Educación Infantil y de Primaria. Pirámide.
CASTRO ZUBIZARRETA, A., EZQUERRA, M. P. & ARGOS, J. (2017). Fundamentos teóricos de la Educación Infantil. Editorial Universidad de Cantabria.
DECRETO 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia. https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220909/AnuncioG0655-080922-…
GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, R., LÓPEZ GÓMEZ, E., & CACHEIRO GONZÁLEZ, M. L. (2022). Procesos de enseñanza-aprendizaje en educación infantil. Narcea.
HERNÁNDEZ-LAINA, Y. (2023). La escuela de Educación Infantil en España. Universidad Nacional de Educación a Distancia.
Real Decreto 95/2022, de 1 de febreiro, polo que se establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Infantil. https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-2022-1654
BLOQUE II: PROFESIÓN DOCENTE
MARTÍN, A. M., CAMPOS, B. & PÉREZ, L. (2021). El desarrollo de la profesión docente. Una visión desde la acción pedagógica. UNED.
SANZ PONCE, R., & GIMÉNEZ BEUT, J. A. (Coords.) (2024). Ser docente hoy: competencias y habilidades para la Educación Infantil. Narcea, S.A. de Ediciones.
VALLE LÓPEZ, J. M., & MANSO AYUSO, J. (Dirs.) (2016). La cuestión docente a debate: nuevas perspectivas. Narcea.
ZABALZA, M. A. & ZABALZA, M. A. (2011). Profesores y profesión docente: entre el ser y el estar. Narcea.
BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA
BLOQUE I: DIDÁCTICA NA EDUCACIÓN INFANTIL
BASSEDAS, E., HUGUET, T., & SOLÉ, I. (2006). Aprender y enseñar en educación infantil. Graó.
DÍEZ NAVARRO, C. (2013). La educación infantil: 10 ideas clave. Graó.
GERVILLA, A. (2006). Didáctica básica de la educación infantil: conocer y comprender a los más pequeños. Narcea.
MORRISON, G. S. (2004). Educación Infantil. Pearson.
ZABALZA, M. A. (2008). Didáctica de la Educación Infantil. Narcea.
ZABALZA, M. A. (Coord.) (2008). Calidad en la educación infantil. Narcea.
BLOQUE II: PROFESIÓN DOCENTE
FERRERES, V. S., & IMBERNÓN, F. (1999). Formación y actualización para la función pedagógica. Síntesis.
LÓPEZ RUPEREZ, F. (2014). Fortalecer la profesión docente: un desafío crucial. Narcea.
MARCELO, C., & VAILLANT, D. (2009). Desarrollo profesional docente. ¿Cómo se aprende a enseñar? Narcea.
BIBLIOGRAFÍA PERIÓDICA
- Aula de Infantil: https://www.grao.com/es/aula-infantil
- Aula de Innovación Educativa: https://www.grao.com/es/aula-de-innovacion-educativa
- Cuadernos de Pedagogía: https://www.cuadernosdepedagogia.com/
- Revista Digital de Educación y Formación del Profesorado (e-CO): http://revistaeco.cepcordoba.es/
- Revista Electrónica Interuniversitaria de Formación del Profesorado: https://revistas.um.es/reifop/
- Revista Latinoamericana de Educación Infantil (RELADEI): https://revistas.usc.gal/index.php/reladei
WEBGRAFÍA
- Aulas Galegas: https://aulasgalegas.org/
- Consellería de Educación: http://www.edu.xunta.gal/portal/
- Consellería de Política Social: https://politicasocial.xunta.gal/
- Educación 3.0: https://www.educaciontrespuntocero.com/
- El País · Educación Infantil: https://elpais.com/noticias/educacion-infantil/
- Espazo Abalar: https://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/
- Portal do Sistema Educativo Español: https://educagob.educacionyfp.gob.es/inicio.html
- Procomún (Rede de Recursos Educativos en Aberto): http://procomun.educalab.es/es
A) COMPETENCIAS XERAIS
X2 - Promover e facilitar as aprendizaxes na primeira infancia, desde unha perspectiva globalizadora e integradora das diferentes dimensión cognitiva, emocional, psicomotora e volitiva.
X3 - Deseñar e regular espazos de aprendizaxe en contextos de diversidade que atendan ás singulares necesidades educativas do estudantado, á igualdade de xénero, á equidade e ao respecto aos dereitos humanos.
X4 - Fomentar a convivencia na aula e fora dela e abordar a resolución pacífica de conflictos. Saber observar sistematicamente contextos de aprendizaxe e convivencia e saber reflexionar sobre eles.
X5 - Reflexionar en grupo sobre a aceptación de normas e o respecto ás demais persoas. Promover a autonomía e a singularidade de cada estudante como factores de educación das emocións, os sentimentos e os valores na primeira infancia.
X9 - Coñecer a organización das escolas de educación infantil e a diversidade de accións que comprende o seu funcionamento. Asumir que o exercicio da función docente ten que ir perfeccionándose e adaptándose aos cambios científicos, pedagóxicos e sociais ao longo da vida.
X11 - Reflexionar sobre as prácticas de aula para innovar e mellorar a labor docente. Adquirir hábitos e destrezas para a aprendizaxe autónomo e cooperativo e promovelo no estudantado.
B) COMPETENCIAS ESPECÍFICAS
E19 - Comprender que a dinámica diaria en educación infantil é cambiante en función de cada estudante, grupo e situación e saber ser flexible no exercicio da función docente.
E20 - Valorar a importancia da estabilidade e a regularidade no contorno escolar, os horarios e os estados de ánimo do profesorado como factores que contribúen ao progreso harmónico e integral do estudantado.
E21 - Saber traballar en equipo con outros/as profesionais de dentro e fora do centro na atención a cada estudante, así como na planificación das secuencias de aprendizaxe e na organización das situacións de traballo na aula e no espazo de xogo, identificando as peculiaridades do período 0-3 e do período 3-6.
E22-Atender as necesidades do estudantado e transmitir seguridade, tranquilidade e afecto
C) COMPETENCIAS BÁSICAS
CB2 - Que o estudantado saiba aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúan as competencias que soen demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
CB3 - Que o estudantado teña a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
CB4 - Que o estudantado poida transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
CB5 - Que o estudantado teña desenvolto aquelas habilidades de aprendizaxe necesarias para emprender estudos posteriores cun alto grao de autonomía.
D) COMPETENCIAS TRANSVERSAIS
T2 - Coñecemento instrumental da lingua galega.
T3 - Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
A configuración dos novos graos destaca a importancia do papel do alumnado universitario como axente activo no seu proceso de ensino- aprendizaxe (E-A), así como o rol de facilitador e mediador que debe asumir o profesorado. Tendo en conta isto, esta materia vertébrase arredor dunha serie de principios metodolóxicos (combinación teoría-práctica; aprendizaxe activa, continua e participativa; aprendizaxe baseada en proxectos; aprendizaxe e servizo; motivación e curiosidade; traballo cooperativo; ética e cuestionamento crítico; actualidade) que marcarán as distintas sesións da materia.
Deste xeito, as distintas actividades formativas repártense entre un horario presencial —correspondente ás sesións expositivas, sesións interactivas e titorías— e un horario non presencial —que implica o traballo autónomo por parte do alumnado—.
As sesións expositivas, centradas no traballo dos contidos de natureza teórico-conceptual, lévanse a cabo con todo o grupo-clase e están dirixidas á exposición de contidos, actividades de xestión e coordinación da materia, presentación de material audiovisual, charlas con persoas expertas; etc. Tamén poden incorporar tarefas do alumnado (exposición de traballos, planificación, organización de equipos de traballo, etc.) incluíndo tamén aquelas actividades de avaliación de aprendizaxes e ensino en gran grupo.
Durante as sesións interactivas (de seminario), realizadas en grupo mediano, o alumnado adquire un maior protagonismo á hora de afondar e poñer en práctica os contidos desenvolvidos nos diferentes temas. Así pois, lévanse a cabo, con carácter práctico-interactivo, actividades baseadas no traballo en equipo, na cooperación, no intercambio de experiencias e debates grupais, na posta en común de diversos obxectos de traballo (clips, documentais, textos, prácticas, etc.).
As titorías, cunha atención máis personalizada entre profesorado e estudantado, teñen o obxectivo de guiar a aprendizaxe e, por conseguinte, que o alumnado acade as competencias e obxectivos da materia. Estas sesións estarán especialmente encamiñadas á supervisión dos traballos individuais/en grupo e á atención das necesidades individuais de cada estudante, polo que as actividades que se desenvolverán nesta tipoloxía de sesións son a discusión ou comentario de traballos, diálogo sobre cuestións dubidosas ou sobre temáticas de interese, orientacións sobre lecturas e traballos... De maneira preferente, as titorías serán en grupos reducidos, agás naqueles casos en que sexa necesaria a atención individualizada.
Recoméndase o uso do apoio titorial no horario establecido polo profesorado, pregándose ao alumnado consensuar coa/s docente/s da materia o momento e motivo da demanda titorial, para o seu axuste de horario, lugar de realización e atención académica.
O traballo autónomo —fóra da aula— está dirixido á realización de actividades non presenciais, tanto de carácter individual como en grupo, relacionadas coas actividades formuladas en aula. Entre as actividades máis habituais relacionadas co traballo autónomo podemos destacar o estudo da materia e preparación de probas, lecturas, realización de exercicios, elaboración de informes e traballos, elaboración de conclusións escritas de sesións presenciais, buscas bibliográficas, buscas en bases de datos, análise de materiais, preparación e ensaio de presentacións de traballos individuais/grupais, preparación de debates, asistencia a conferencias, asistencia a congresos e accións formativas, elaboración de prácticas, etc. En xeral, serven como reforzo das sesións teórico - prácticas da materia.
Ademais de todo o anterior, na medida en que haxa RECURSOS DISPOÑIBLES, prevese a organización dalgunha CONFERENCIA con PROFESIONAIS EXTERNOS así como unha PRÁCTICA DE CAMPO.
Por outra banda, esta materia e o seu corpo docente participan no 'proxecto CompetenteS' impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade, co perfil de galego e castelán. Por iso, o profesorado desenvolverá a docencia da materia (expositiva, interactiva e titorial) e todas as actividades ligadas a ela nestas linguas, á marxe de que parte dos materiais escritos puidesen ofrecerse noutros idiomas. O alumnado, pola súa parte, tamén interactuará co profesorado nas linguas de perfil da materia, tanto a nivel oral como escrito, tanto nas clases como nas titorías, tanto en actividades presenciais como telemáticas ou non presenciais, tanto se son síncronas como asíncronas.
Finalmente, o alumnado con dispensa de asistencia contará cunha ‘planificación individualizada’ para o seguimento da materia, atendendo ás súas circunstancias excepcionais de non presencialidade. Neste senso, terá á súa disposición os contidos teórico-prácticos —apuntamentos, materiais de traballo, actividades e tarefas demandadas, etc.— na Aula Virtual (AV a partir de este momento).
*AVISO: todas as producións e traballos do alumnado, tanto os individuais como os de grupo, deberán ser orixinais. Calquera traballo copiado ou elaborado de maneira fraudulenta suporá a aplicación da ‘Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións’. Así mesmo, a efectos avaliativos, un mesmo traballo non pode ser utilizado para varias materias, agás naquelas actividades programadas de forma coordinada entre materias.
Coa finalidade de comprobar en que grao se acadaron os obxectivos e as competencias da materia establecidas na Memoria Verificada do Título e, de acordo coa Normativa de Avaliación da USC, o sistema de avaliación proposto ten un carácter integral, continuo e formativo, abranguendo os tres momentos esenciais da avaliación —inicial, continua e final—.
Seguidamente especifícanse os elementos que se valorarán atendendo ao tipo de alumnado que pode estar matriculado nesta materia.
AVALIACIÓN PARA O ALUMNADO ORDINARIO:
A. PARTICIPACIÓN e IMPLICACIÓN (10% da cualificación final).
Este apartado refírese á participación regular nas sesións de aula a través de aportacións relevantes á materia nas diversas dinámicas que se leven a cabo (tarefas, debates, titorías, etc.).
Para obter puntuación neste apartado será REQUISITO indispensable ASISTIR a un MÍNIMO do 80% das ACTIVIDADES FORMATIVAS PRESENCIAIS programadas —agás naqueles casos de dispensa oficial de docencia— e a participación activa e con actitude respectuosa nas dinámicas que se propoñan na materia. Así pois, ao tratarse dunha cuestión de obrigado cumprimento, a asistencia non será incluída como aspecto a valorar no sistema de avaliación da materia pero si será un ASPECTO controlado e REXISTRADO.
Os indicadores de avaliación que empregarán para realizar a valoración deste apartado (dos que se levará rexistro) detállanse a continuación:
- Demostración dunha actitude positiva, empática e respectuosa que permita, de acordo co ‘Estatuto do Estudantado’ aprobado no ano 2019, cumprir co dereito do alumnado a recibir unha docencia de calidade, en relación co deber do profesorado de impartir as clases nas condicións que esixe a USC. Se este criterio non se cumpre, non se terán en conta o resto de indicadores (a pesar de que poidan cumprirse) e, polo tanto, NON se obterá PUNTUACIÓN neste apartado da avaliación.
- Realización e entrega de tarefas obrigatorias en tempo e forma.
- Formulación de dúbidas, demostrando coñecemento da documentación de traballo e de estudo da materia.
- Demostración dun correcto seguimento da materia, respondendo a preguntas que se formulen en relación cos contidos que se estean traballando, facendo alusión a contidos xa traballados en sesións anteriores e/ou aportando reflexións, vivencias ou experiencias que enriquezan as sesións presenciais.
- Demostración de coñecementos do proceso de elaboración do proxecto interdisciplinar (PI) e doutras tarefas grupais e/ou individuais que se poidan realizar (en sesións de titoría presenciais, de aula e/ou despacho).
- Participación nas sesións con profesionais externos, a través de preguntas, comentarios, experiencias, etc. pertinentes e relevantes.
- Axuda na organización e desenvolvemento de actividades que se desenvolvan ao longo do semestre, de ser o caso.
B. PROBAS ESPECÍFICAS (40% da cualificación final)
Este apartado está configurado polas tarefas prácticas e a proba escrita sobre os contidos teórico-conceptuais da materia.
Dentro da porcentaxe deste apartado, as tarefas prácticas teñen un peso dun 10% e a proba individual —preferentemente unha proba obxectiva que poderá conter, en todo caso, preguntas de diversa tipoloxía (opción múltiple, completar, relacionar, de desenvolvemento breve, etc.)— un peso do 30%, sendo realizada na data oficial do calendario de exames da FFP.
C. INFORMES ESCRITOS E OUTRAS PRODUCIÓNS (40% da cualificación final)
Este apartado inclúe o traballo xeral da materia, o cal se corresponde cun Proxecto Interdisciplinar (PI) no que están implicadas, ademais desta, a materia de Socioloxía da Educación (Grao en Mestra/e de Educación Infantil).
O Proxecto Interdisciplinar contempla dúas modalidades principais: modalidade A (Aprendizaxe-Servizo ou ApS) e modalidade B (Aprendizaxe Baseado en Proxectos ou ABPx). Así mesmo, esta modalidade B divídese na submodalidade B1 (proxecto de investigación) e submodalidade B2 (proxecto de creación dun produto).
O profesorado proporcionará os materiais e as pautas necesarias para desenvolver de forma axeitada o traballo solicitado, estando a disposición do alumnado na AV da materia.
D. PRESENTACIÓNS OU PROBAS ORAIS ESPECÍFICAS (10% da cualificación final)
Este apartado refírese ás exposicións orais solicitadas ao alumnado ao longo da materia. Unha destas exposicións será, de xeito obrigatorio, a presentación e exposición oral do Proxecto Interdisciplinar (PI) elaborado.
O profesorado especificará as pautas necesarias para a realización desta presentación oral.
O ALUMNADO QUE CUMPRA COA PORCENTAXE DE ASISTENCIA que esixe a USC superará a materia se acada a puntuación mínima de 5 puntos totais (sobre 10) no conxunto da materia. Para sumar as puntuacións de todos os apartados do sistema de avaliación é imprescindible acadar a puntuación mínima no apartado B (probas específicas) e C (informes escritos e outras producións). É dicir, o alumnado deberá aprobar a proba específica, as tarefas prácticas e o traballo xeral da materia (Proxecto Interdisciplinar). Ao alumnado que non supere a materia constaralles a cualificación da parte suspensa.
O ALUMNADO QUE ESTEA POR DEBAIXO DA PORCENTAXE DE ASISTENCIA que esixe a USC non terá dereito a puntuar no apartado A (participación e implicación), non podendo chegar á máxima cualificación da materia (10 puntos). Para sumar as puntuacións dos apartados restantes do sistema de avaliación é imprescindible acadar a puntuación mínima no apartado B (probas específicas) e C (informes escritos e outras producións). É dicir, os estudantes deberán aprobar a proba específica, as tarefas prácticas e o Proxecto Interdisciplinar.
Ao alumnado que non supere a materia constaralle a cualificación da parte suspensa na súa Secretaría Virtual.
----
AVALIACIÓN PARA O ALUMNADO CON DISPENSA OFICIAL DE ASISTENCIA:
Entrarán nesta categoría o alumnado que dispoña dunha dispensa de asistencia ás clases concedida de xeito oficial (atendendo á ‘Instrución Núm. 1/2017, da Secretaría Xeral da USC, sobre a dispensa da asistencia a clase en determinadas circunstancias’). Segundo os Estatutos da Universidade, este alumnado “ten dereito a unha atención e deseño das actividades académicas que faciliten a conciliación dos estudos coa vida persoal, familiar e laboral (art. 33.g)” pero tamén “ten o deber da asistencia e participación naquelas actividades formativas que se establezan como obrigatorias na programación docente” (art. 130.2).
A efectos desta materia, o alumnado con dispensa oficial de asistencia a clase contará cun ‘plan de traballo individualizado’ no que se detallarán as cuestións relativas á materia no seu caso concreto.
A continuación establécense o sistema de avaliación deste tipo de alumnado.
A. PARTICIPACIÓN E SEGUIMENTO DA MATERIA (10% da cualificación final)
Para obter puntuación neste apartado será requisito asistir ao número mínimo de sesións de clase de carácter teórico-práctico que a docente estableza como obrigatorias no ‘plan de traballo individualizado’ —a disposición do alumnado na AV—. Neste senso, será requisito acudir ao mínimo de sesións formativas a cargo de profesionais externos —cuxa temática e data serán comunicadas coa debida antelación a través dos medios oportunos— así como a unha serie de titorías obrigatorias programadas que serán convocadas coa suficiente antelación. Rexistrarase a asistencia do alumnado, nos casos anteriores.
Os indicadores de avaliación que se terán en conta para a valoración deste apartado serán os seguintes:
- Envío en tempo e forma do documento de concesión de dispensa oficial, unha vez o teña o/a alumno/a, a través do correo electrónico institucional da USC.
- Interese e establecemento de contacto coa docente da materia para unha primeira titoría na mesma semana en que se reciba a comunica ción oficial da aprobación da dispensa. O obxectivo desta primeira titoría é establecer os primeiros contactos oficiais e concretar o ‘plan de traballo individualizado’ atendendo á situación do alumno/a.
- Participación nas clases teórico-prácticas que se establezan como obrigatorias, formulando os comentarios e resposta a preguntas, entre outras, acaídas aos contidos abordados.
- Participación nas sesións con profesionais externos, con preguntas, comentarios, experiencias, etc. relevantes e acaídas aos contidos abordados.
- Participación nas titorías obrigatorias para o seguimento do proceso de elaboración do PI, demostrando a lectura da documentación relacionada co este proxecto.
- Formulación de dúbidas, demostrando coñecemento da documentación traballo e estudo da materia.
- Envío en tempo e forma do dos borradores das tarefas que se poidan solicitar dende a materia.
- Realización e entrega de tarefas obrigatorias en tempo e forma.
- Seguimento puntual da información que se traslada ao alumnado con dispensa a través da AV e/ou do correo electrónico institucional da USC.
- Resposta en tempo e forma ás mensaxes que o/a alumno/a reciba da docente.
B. PROBAS ESPECÍFICAS (40% da cualificación final)
Este apartado contempla a realización dunha proba escrita sobre os contidos teórico-prácticos da materia, recollidos no conxunto total dos materiais postos á súa disposición na AV.
Esta proba será, preferentemente, unha proba de desenvolvemento escrito que se levará a cabo na data oficial do calendario de exames da USC.
C. INFORMES ESCRITOS E OUTRAS PRODUCIÓNS DO ALUMNADO (40% da cualificación final)
Inclúese neste apartado a realización da modalidade B (Aprendizaxe Baseada en Proxectos ou ABPx) do Proxecto Interdisciplinar. O/a alumno/a escollerá unha das dúas submodalidades nas que se divide esta: submodalidade B1 (proxecto de investigación) e submodalidade B2 (proxecto de creación dun produto).
A información e as pautas para a elaboración do traballo estarán a disposición do alumnado na AV da materia e no ‘plan de traballo individualizado’.
D. PRESENTACIÓNS OU PROBAS ORAIS ESPECÍFICAS (10% da cualificación final)
Este apartado refírese ás exposicións orais solicitadas ao alumnado ao longo da materia. Unha destas exposicións será, de xeito obrigatorio, a presentación e exposición oral do Proxecto Interdisciplinar (PI) elaborado.
O profesorado especificará as pautas necesarias para a realización desta presentación oral.
Para a superación da materia, o alumnado con dispensa de asistencia deberá acadar unha puntuación mínima de 5 puntos totais (sobre 10) na materia. Para sumar as puntuacións de todos os apartados, é imprescindible acadar a puntuación mínima no apartado B (probas específicas) e C (Informes escritos e outras producións). É dicir a alumna ou o alumno deberá aprobar o exame e o traballo xeral da materia (Proxecto Interdisciplinar).
Quen non supere a materia contaralle na súa Secretaría Virtual a cualificación da parte suspensa.
__________
OUTROS ASPECTOS RELACIONADOS COA AVALIACIÓN DA MATERIA:
~ RECUPERACIÓN DA MATERIA: aquel alumnado, tanto ordinario como de dispensa, que non superen a materia na 1ª oportunidade, deberá recuperar a parte ou partes suspensas na 2ª oportunidade. Serán obxecto de recuperación os apartados B (probas específicas) e C (informes escritos e outras producións).
No que respecta ao apartado C (informes escritos e outras producións), establécese o seguinte:
- Se na 1ª oportunidade optouse pola modalidade A, o alumnado deberá realizar un novo Proxecto Interdisciplinar na modalidade B.
- Se na 1ª oportunidade optouse pola modalidade B, o alumnado continuará na mesma modalidade.
- Se na 1ª oportunidade non se presentou o Proxecto Interdisciplinar baixo ningunha modalidade, o alumnado deberá realizar a modalidade B1 (proxecto de investigación).
A data límite de entrega correspóndese coa data oficial do exame da 2ª oportunidade.
~ ALUMNADO REPETIDOR (2ª e/ou sucesivas convocatorias): a aquel alumnado repetidor que estivese matriculado na materia e que superase o requisito de asistencia nalgúns dos 2 cursos académicos anteriores —sempre e cando a materia fose impartida polo profesorado que figura no programa do curso académico vixente— se lle conservarán as cualificacións obtidas no exame e nas producións escritas (apartados B e C do sistema de avaliación) sempre e cando estas estean aprobadas.
O alumnado que estivese matriculado na materia e non tivera superado o requisito de asistencia nalgúns dos 2 cursos anteriores será avaliado segundo o sistema e criterios de avaliación establecidos no curso académico en vigor para cada unha das situacións contempladas en relación co alumnado (ordinario ou con dispensa oficial de asistencia).
~ PROXECTO CompetenteS: en virtude da participación desta materia no proxecto CompetenteS impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade (co perfil de galego/castelán), e coa intención de que o profesorado poida polo tanto avaliar o dominio por parte do alumnado da competencia T2 da USC (“coñecemento instrumental da lingua galega”, tanto a nivel oral como escrito), as e os estudantes, de xeito habitual, presentarán en galego tanto as súas exposicións orais como os traballos escritos da materia.
*NOTA IMPORTANTE: Para os casos de realización fraudulenta de exercicios, tarefas ou probas será de aplicación o que se recolle no artigo 16 da ‘Normativa de avaliación do rendemento dos estudantes e de revisión de cualificacións’ que establece que “a realización fraudulenta dalgún exercicio ou proba esixida na avaliación dunha materia implicará a cualificación de suspenso na convocatoria correspondente, con independencia do proceso disciplinario que se poida seguir contra o alumno infractor. Considérase fraudulenta, entre outras, a realización de traballos plaxiados ou obtidos de fontes accesibles ao público sen reelaboración ou reinterpretación e sen citas aos autores e das fontes”.
Ao tratarse dunha materia de 6 créditos ECTS, ao alumnado correspóndelle 150 horas de traballo, distribuídas do seguinte xeito:
> Tempo dedicado á actividade presencial: 51 horas.
- Aulas expositivas: 23 horas.
- Aulas interactivas: 23 horas.
- Actividades de titoría e supervisión programadas: 3 horas.
- Actividades de avaliación: 2 horas.
> Tempo de traballo autónomo do alumnado fóra da aula: 99 horas.
Esta materia de formación básica de primeiro curso representará, nos máis do casos, o primeiro contacto do alumnado cos contidos propios desta. De aí que se aborden diferentes elementos relacionados tanto coa didáctica como coa profesión docente, desde unha perspectiva crítica pero globilizadora.
O desenvolvemento do programa precisará así unha obrigatoria flexibilidade que permita atender á situación do alumnado, as súas necesidades, coñecementos, características e evolución durante o semestre, así como ás circunstancias que poidan suceder no propio transcurso da materia.
Considerando estas cuestións establécense unha serie de RECOMENDACIÓNS para o aproveitamento da mesma:
- ASISTENCIA REGULAR AS AULAS EXPOSITIVAS E INTERACTIVAS, así como a participación nas mesmas e a realización das tarefas propostas, tanto para os tempos de clase presencial como para os momentos de traballo autónomo.
- TOMA DE APUNTES E NOTAS nas sesións expositivas e interactivas, con independencia da existencia de material teórico-práctico na AV. Isto axudará a unha maior comprensión dos contidos da materia.
- ÉTICA, RESPONSABILIDADE E COMPROMISO á hora de afrontar o estudo e máis as actividades propostas.
- CONTACTO E COMUNICACIÓN COAS DOCENTES CANDO SEXA NECESARIO, sobre todo en casos de dúbidas ou preocupacións (sobre todo no caso do alumnado de dispensa ou exención de docencia), mais tamén se son pertinentes suxestións ou peticións.
- DOMINIO DAS COMPETENCIAS DIXITAIS BÁSICAS (manexo básico do ordenador e programas de edición de texto, deseño de presentacións, etc.).
- REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS QUE POIDAN RECOMENDARSE desde a materia ou propostas dende a Facultade ou outros centros universitarios, organismos formativos, etc.
- CONSULTA DE PUBLICACIÓNS E REVISTAS ESPECIALIZADAS en educación.
En relación coa ASISTENCIA A CLASE é preciso lembrar que a USC é unha universidade presencial polo que é obrigatorio axustarse á ‘Normativa de asistencia a clase nas ensinanzas adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES)’ aprobada por Consello de goberno de 25 de marzo de 2010. Nesta normativa sinálase que a asistencia a clase debe considerarse como unha oportunidade para unha “mellor comprensión da materia, a adquisición de competencias en grupos e individuais, a aprendizaxe continua, a interacción directa con outros alumnos e alumnas ou a posibilidade dunha metodoloxía docente-discente máis participativa”.
Por outro lado, o punto 3 do artigo 10 do ‘Estatuto do Estudantado da USC’ aprobado en novembro de 2019 di textualmente: “o estudantado deberá cumprir coa asistencia ás clases teóricas e prácticas e a realización das actividades formativas propias de cada materia, de acordo co establecido nas guías docentes e nas memorias verificadas de título”.
Ademais desta normativa propia da USC sobre a asistencia a clase, a propia natureza e metodoloxía desta materia —aspectos abordados en apartados anteriores—, esixe cumprir coa presencialidade requirida.
Igualmente, esta materia contempla a realización de ADAPTACIÓNS para aquel ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS DE APOIO EDUCATIVO (NEAE). En relación con isto, todo aquel alumnado que precise dalgún tipo de adaptación deberá solicitalo ao profesorado da materia, tendo en conta que soamente se terán en conta aqueles casos valorados e comunicados polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU: http://www.usc.es/gl/servizos/sepiu/).
Así pois, recoméndase ao alumnado realizar as xestións oportunas con este Servizo á maior brevidade co fin de acordar a realizar as adaptacións curriculares e/ou avaliativas que sexan necesarias para a materia.
Por outra banda, todas as persoas implicadas nesta materia (alumnado e profesorado fundamentalmente) terán que facer USO DAS FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS INSTITUCIONAIS que a USC pon a disposición da súa comunidade universitaria (e-mail institucional, Campus Virtual, Microsoft 365) así como outras autorizadas como ferramentas institucionais, tanto para a COMUNICACIÓN — uso do correo electrónico oficial da USC (@rai.usc.es)— como para o TRABALLO ACADÉMICO.
IMPORTANTE!!: Non se aceptarán medios de comunicación externos exceptuando casos debidamente xustificados.
En relación co anterior, só se permitirá a UTILIZACIÓN DOS APARATOS ELECTRÓNICOS NA AULA (smartphone, tablet, ordenador portátil, etc.) naquelas actividades indicadas polo equipo docente e sempre con fins académicos. Deste xeito, queda restrinxido o uso dos aparatos electrónicos na aula ao seu emprego como instrumento de traballo, responsabilizándose ao alumnado das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse dun manexo non axeitado do mesmo.
Igualmente, esta materia baséase, entre outros, nun principio de RESPONSABILIDADE MEDIOAMBIENTAL QUE RECOMENDA a entrega dos traballos individuais ou de grupo empregando, esencialmente, o soporte dixital (Aula Virtual ou outros análogos de carácter institucional). Cando se solicite entrega de traballos individuais e/ou grupais en formato impreso, teranse en conta as seguintes indicacións (sempre que sexa posible): evitar tapas de plástico/envoltorios externos innecesarios; empregar grampas; imprimir a dúas caras en calidade “aforro de tinta”; non empregar folios en branco como separadores de capítulos/partes; evitar anexos innecesarios.
Ademais, en atención aos criterios de IGUALDADE DE XÉNERO no ámbito universitario, e máis cumprindo cun principio feminista, recoméndase e foméntase o emprego dunha linguaxe inclusiva e non sexista tanto no traballo cotiá nas aulas expositivas e interactivas, como nos traballos académicos propostos. Pode obterse información ao respecto na seguinte ligazón: http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/oix/descargas/lingua…
E, finalmente, nesta materia será obrigatorio o CUMPRIMENTO da normativa de PROTECCIÓN DE DATOS. Pódese consultar máis información na seguinte ligazón: https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos
Eva Maria Barreira Cerqueiras
Coordinador/a- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Didáctica e Organización Escolar
- Teléfono
- 982821017
- Correo electrónico
- evamaria.barreira [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Contratado/a Doutor
Alba Maria Souto Seijo
- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Didáctica e Organización Escolar
- Teléfono
- 982821006
- Correo electrónico
- albamaria.souto [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
Luns | |||
---|---|---|---|
10:30-12:00 | Grupo /CLIS_03 | Castelán | Aula 26 |
12:00-13:30 | Grupo /CLIS_01 | Castelán | Aula 26 |
13:30-15:00 | Grupo /CLIS_04 | Galego | Aula 26 |
16:00-17:30 | Grupo /CLIS_02 | Galego | Aula 21 |
17:30-19:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | Aula 29 |
19:00-20:30 | Grupo /CLE_02 | Galego | Aula 21 |
24.01.2025 09:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 29 |
23.06.2025 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 29 |