O 31 de xullo de 2020 a Xunta de Galicia outorgou a este Máster a Mención de Excelencia, na primeira edición deste tipo de galardóns posta en marcha polo Goberno autonómico. Ten unha validez de 5 anos e un programa de accións de mellora cunha dotación económica, entre as que destacan:
- Modificación e actualización integral do plan de estudos.
- Mellora do equipamento docente e infraestruturas.
- Organización de xornadas con empresas para fomentar a inserción laboral.
- Contacto con universidades de prestixio nacionais e internacionais.
- Culminar o plan de acción coa solicitude dun selo internacional de calidade Euro-ACE.
Renovación da Mención de Excelencia
O Máster Universitario en Enxeñería Ambiental da USC vén de renovar a Mención de Excelencia que concede a Xunta de Galicia para o período 2025/26 – 2029/30.
Esta titulación, que foi unha das tres primeiras do Sistema Universitario Galego en recibir a devandita mención na súa convocatoria inaugural, no ano 2020, é tamén en pioneira en obter a súa renovación, tras presentar ante a Xunta de Galicia un informe pormenorizado coas accións e investimentos realizados durante os últimos cinco anos académicos.