Ir o contido principal

O CESEG e a súa historia

O CESEG é un centro propio de investigación que se ocupa da análise e divulgación dos estudos de seguridade, estratexia e defensa na Universidade de Santiago de Compostela.

O CESEG conta coa particulariade de ser un centro mixto integrado pola Universidade de Santiago de Compostela e polo Centro de Estudios Superiores de la Defensa Nacional (CESEDEN), o que permite que se desenvolvan liñas de investigación e actividades únicas e novidosas. Ademais, os seus integrantes e colaboradores proceden de diversas ramas científicas relacionadas coa seguridade dende un punto de vista transversal, o que dota ao centro dun carácter multidisciplinar.

Dende a súa orixe ata a actualidade, o centro organiza diferentes actividades académicas, científicas e culturais vinculadas ao estudo da seguridade nun sentido amplo, como cursos, xornadas, congresos, seminarios e unha variada oferta de posgrado. Entre todas estas actividades podemos destacar o Máster en Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais, que conta con un equipo docente de expertos de primeiro nivel nas materias que se imparten. Ademais desta actividade formativa, o CESEG desenvolve un labor investigador intenso, que se traduce periodicamente en distintas publicacións, tanto monografías como traballos colectivos. Neste senso, hai que indicar a existencia da revista Gladius et scientia. Revista de Estudios de Seguridad del CESEG, na que, con carácter anual, participan destacados autores.

 O Centro de Estudos de Seguridade é herdeiro directo do Seminario de Estudos sobre Seguridade e Defensa USC-CESEDEN, que ao longo de máis de trinta anos desenvolveu un continuo labor investigador e divulgativo na Universidade de Santiago de Compostela. Este seminario foi posible grazas a unha serie de convenios establecidos entre a USC e o CESEDEN, que actualmente se continúan asinando con periodicidade anual.

Antes da fundación do seminario USC-CESEDEN, os estudos de seguridade e defensa xa ocuparon un lugar destacado nas actividades de extensión universitaria na USC. Unha das iniciativas pioneiras neste sentido foi a Cátedra de Cultura Naval que a Armada mantivo na USC por máis de vinte anos. A actividade desta cátedra estaba centrada no estudo da historia militar e na análise xeoestratéxica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2024.