O IDEGA, desde o inicio da súa actividade hai xa máis de 35 anos, amosou o seu compromiso co fomento da investigación científica, a xeración de coñecemento sobre a realidade social, económica e territorial de Galicia e a difusión dos seus resultados en beneficio de toda a sociedade.
Publicacións como o informe anual A Economía Galega, a coordinación de Plans Estratéxicos de desenvolvemento local e provincial, o importante número de proxectos competitivos sobre a investigación socioeconómica e territorial de Galicia, os numerosos cursos, seminarios, encontros e congresos (Congreso de Economía de Galicia en todas as súas edicións) e o relevante número de investigadores novos formados, sitúan o IDEGA como principal centro de investigación socioeconómica e territorial de Galicia e como un referente para a toma de decisións das institucións públicas e privadas que inflúen no desenvolvemento territorial nas sociedades da nosa contorna.
Os obxectivos fundamentais do IDEGA, perseguidos a través das investigacións básicas e aplicadas desenvolvidas nas liñas de investigación da área científico-técnica “Humanidades e Ciencias Sociais”, priorizan a análise e estudo do desenvolvemento sostible desde unha perspectiva rexional; considerando as súas tres dimensións básicas conxuntamente (medioambiental, económica e social) pódense sintetizar nos seguintes puntos:
- Realizar proxectos de investigación, asesoramento e apoio técnico nos ámbitos da súa análise.
- Contribuír á xeración e desenvolvemento de metodoloxías nos campos de Economía, Xeografía, Historia, Socioloxía e Demografía que permitan avanzar no coñecemento científico destas áreas.
- Facilitar aos mozos graduados a súa formación e actividade investigadora nas liñas do Instituto para que poidan incorporarse ao actual sistema de investigación, desenvolvemento e innovación.
- Fomentar, impulsar e potenciar as relacións científicas de investigación e docencia con outros Centros nacionais e internacionais.
- Publicar os resultados das súas investigacións en libros, artigos científicos e de divulgación, e presentalos a través de relatorios e comunicacións en congresos nacionais e internacionais.
- Organizar congresos, seminarios, mesas redondas e xornadas de portas abertas para difundir os resultados obtidos nos proxectos de investigación.
De cara ao futuro, o IDEGA seguirá afondando nos obxectivos anteriores, cunha clara preocupación pola aplicabilidade do coñecemento xerado. A realización de proxectos con marcado carácter multidisciplinar (consolidación de liñas de investigación como a medioambiental, os estudos turísticos e os problemas socioeconómicos da dispersión e o avellentamento da poboación), a difusión das investigacións mediante publicacións e congresos, o traballo con investigadores mozos e a consolidación de redes con outros centros de investigación nacionais e internacionais son os obxectivos máis importantes para o futuro.