Ir o contido principal

Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con"

A Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" é un centro especializado no estudo da calidade e biodiversidade fluvial, tendo estabelecido colaboración científicas con diferentes países de Europa e Latinoamérica. A EHEC dispón de barcos, laboratorios, e aulas propias e capacidade para dar aloxamento a 14 alumnos e profesores.

Estación Hidrobioloxía "Encoro do Con"

Obxectivos

A Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" está situada á beira do encoro do Con, en Castroagudín (Cea), no concello de Vilagarcía de Arousa. Este centro pretende ser unha ponte na cooperación entre os organismos xestores e os organismos de investigación, onde se acheguen opinións baseadas no acaído coñecemento dos ecosistemas acuáticos naturais.

Dotacións da EHEC

A estación conta con laboratorio de análise e o laboratorio “húmido”, provisto de acuarios e dous ríos artificiais,  sistemas de bombeo, filtro e regulación de temperatura dos acuarios, conxeladores e mais un taller para a elaboración de equipos de investigación.  

 

O centro conta con todo o necesario para permitir aos investigadores visitantes vivir na EHEC mentres fan o seu traballo, eliminando deste xeito os trastornos que durante as súas estadías —máis ou menos longas— causa á busca de vivenda. A zona de aloxamento conta con prazas para 14 investigadores distribuídas en catro habitacións, unha sala común (con TV, sistema vídeo-dvd etc.), e unha cociña completa, con despensa e electrodomésticos. Ademais existe unha lavandería con lavadora e secadora.

Para o desenvolvemento de todas as mostraxes disponse de vadeadores e botas altas de varias tallas. Para realizar mostraxes de peixes posúense dous aparatos de pesca eléctrica de levar ás costas e un aparato de ribeira con capacidade de utilización simultánea de tres pértegas, ademais de redes de varias clases e tamaños (trasmallos, butróns, de cerco…). Isto compleméntase cos equipos de autoprotección, trueiros, caixas estancas e equipos de aireación para manter aos peixes estabulados, balanzas, ictiómetros etc.

Para a mostraxe de macroinvertebrados cóntase con redes de bentos tipo Surber (varios tamaños), cilindro de Neil, kicknets, mangas entomolóxicas, corer, e trampas de luz UV.

Para realizar mostraxes de plancto disponse de dúas botellas Van Dorn e dúas redes de plancto.

Para caracterizar o hábitat fluvial disponse dun profundímetro ecosonda, cintas métricas, telémetro, correntímetros, visores subacuáticos, bastidor cuadriculado, gravelómetro, dragas de diferentes tipoloxías, densímetro de espello etc., así como sondas multiparamétricas (pH, Tª, condutividade, TDS, osíxeno disolvido) e dun GPS Trimble.

Como material de apoio, a EHEC dispón dunha carpa de traballo inchable, dous xeradores portátiles de corrente e neveiras isotermas e eléctricas. Cóntase tamén con cámaras de vídeo e fotográficas dixitais e subacuáticas.

A EHEC dispón do material necesario para a marcaxe e seguimento de peixes con marcas PIT Tag, FLOY e con elastómero fluorescente, así coma de transmisores (Implant transmitter e External transmitter), receptores e antenas para o seu seguimento mediante radiotelemetría.

A EHEC dispón de material óptico e cun completo equipamento para a análise fisicoquímica e bacteriolóxica das augas.  O laboratorio de microscopía está equipado con material Nikon e conta con estereomicroscopios de tres modelos diferentes e dous microscopios, un deles invertido. Compleméntanse cun analizador de imaxes con cámara dixital de 12 Mpx de resolución con software de biometría. Ademais hai un sistema de inclusión en parafina e un micrótomo de rotación Leica para análises histolóxicas.

O equipamento para a análise fisicoquímica e bacteriolóxica inclúe balanzas de precisión, unha columna tamizadora en húmido, forno mufla, campás extractoras de gases, termoaxitadores e axitadores mecánicos, dúas centrífugas de sobremesa, sistema de auga ultrapura; espectrofotómetros (de cubetas e de microplacas), un microespectofotómetro Nano-Drop; un fluorímetro Qubit 2.0; varios xogos de pipetas Eppendorf, turbidímetro, pHmetro e condutivímetro de mesa, estufas de desecación e de cultivo, rampla de filtración de auga, termorreactor, autoclave etc.

Para a conservación de mostras a EHEC dispón de frigoríficos, arcas conxeladoras de gran capacidade, crioconservador de nitróxeno líquido e un ultraconxelador New Brunswick -85 °C.

O laboratorio húmido conta con 21 acuarios independentes e dous ríos artificiais que poden ser alimentados mediante un circuíto pechado refrixerado ou mediante un sistema aberto de circulación. Ademais disponse dun refrixerador industrial de auga e catro refrixeradores portátiles para acuarios.

O centro dispón dunha aula de informática totalmente equipada con impresoras, escáner e ordenadores con software actualizado para a edición de textos e imaxes, tratamento estatístico, información xeográfica, e conexión á internet.

Ademais a EHEC conta cunha nutrida biblioteca científica sobre diferentes aspectos da bioloxía e ecoloxía dos medios acuáticos continentais.

Actividades e servizos

Na súa actividade científica a estación traballa en aspectos de investigación básica, sobre invertebrados acuáticos e peixes migradores, e en investigación aplicada, en todo o relativo ao control e avaliación da contaminación en ambientes acuáticos continentais.

A EHEC ten como obxectivo prioritario impulsar a investigación da fauna doceacuícola, ocupándose de aspectos tan diversos como a realización de inventarios e o cartografado, os estudios faunísticos e de autoecoloxía das especies de importantes grupos de invertebrados acuáticos, o estudio da estrutura e evolución temporal das poboacións de peixes, da calidade biolóxica das augas, do avance en restauración do hábitat e dos impactos das invasións biolóxicas.

En canto aos aspectos aplicados cabe salientar o perfeccionamento da metodoloxía de caracterización da calidade biolóxica das augas epicontinentais (índices bióticos, análises teratolóxicos, ensaios de toxicidade, avaliación de impactos ....), permiten mellorar a xestión dos recursos, compatibilizando a demanda social sobre a auga e a conservación dos ecosistemas.

Tendo en conta as dotacións dos seus laboratorios a EHEC ofrece os seguinte servizos

  • Análise de potabilidade.
  • Análise de augas residuais.
  • Contido de elementos tóxicos.
  • Análise microbiolóxica.
  • Cálculo de índices químicos de contaminación.

  • Análise granulométrica.
  • Determinación da materia orgánica.
  • Contido de elementos tóxicos.
  • Índices de calidade de frezadeiros.

  • Identificación de taxons.
  • Cálculo de índices bióticos.
  • Índices de diatomeas.

  • Pesca eléctrica.
  • Plans de aproveitamento de pesca deportiva.
  • Ictiopatoloxía.
  • Avaliación de impactos contaminantes.

  • Establecemento do estado ecolóxico de humedais e ríos segundo a Directiva Marco europea da Auga.
  • Informes periciais en materia de delito ecolóxico.
  • Avaliación de danos ecolóxicos.
  • Marcadores bioquímicos de contaminación.
  • Análise de resposta morfolóxica á contaminación.
  • Avaliación e control de especies invasoras.

  • Medición de caudais.
  • Avaliación do hábitat fluvial,
  • Restauración fluvial.

Docencia

A actividade docente abrangue a formación práctica de estudantes universitarios, o desenvolvemento de cursos e másteres en contacto directo co medio acuático; a educación medioambiental en niveis non universitarios.    

Calidade

No ano 2009 a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” da USC (EHEC) obtivo, mediante un proceso de certificación externo pola EFQM (European Foundation for Quality Management), o “Selo de Compromiso cara á Excelencia Europea 200+” polo seu sistema de xestión.

Galería de fotos

Contacto

Coordinador científico

Xosé Luis Otero Pérez

Enderezo
Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola. Facultade de Bioloxía. Rúa Lope Gómez de Marzoa, s/n, 15782 Santiago de Compostela
Teléfonos
881813300
881823116
Email
xl.otero@usc.es
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2024.