Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 147 Horas de Titorías: 3 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Prácticum Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Didáctica e Organización Escolar, Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
A materia de Prácticas Obrigatorias do Máster en Procesos de Formación pretende achegar ao alumnado á súa futura realidade laboral, a través da inmersión nun dos contextos nos que poderá exercer como profesional, posibilitando a aplicación real do saber, do saber facer e do saber ser adquirido nas distintas materias do Máster. Con esta materia búscase, así, integrar as dimensións teórica e práctica da cualificación profesional que deben promover os estudos superiores.
Este proceso de integración teoría-práctica desenvolverase a través da observación, análise e interacción cos outros profesionais no marco dunha entidade concreta. A materia de Prácticas Obrigatorias ten os seguintes obxectivos:
1. Recoller, analizar e interpretar datos relativos á organización na que se realizan as prácticas e sobre deseños, procesos e resultados formativos que desenvolve ou intenta promover a organización, así como sobre os axentes que as integran, e que sexan
susceptibles de ser usados en iniciativas de cambio e mellora de procesos formativos.
2. Elaborar propostas formativas, de asesoramento, e/ou de elaboración de materiais e recursos con fins formativos acordes coas necesidades, problemas e dilemas detectados no contexto de realización das prácticas.
3. Acompañar a profesionais da formación e do asesoramento, e participar con diferentes responsabilidades en procesos formativos e de innovación acordes coas necesidades da entidade na que se realicen as prácticas con actitude colaborativa e reflexiva.
4. Deseñar e desenvolver procesos de avaliación, innovación e/ou investigación nos centros de realización de prácticas coherentes coas competencias do Máster.
Os contidos susceptibles de ser considerados e abordados de diferentes formas na materia de Prácticas Obrigatorias relaciónanse cos contidos das demais materias do Máster, integrando cuestións teóricas con prácticas nun determinado contexto laboral ligado a procesos formativos e con diferentes profesionais.
Os contidos, en función do Plan de Prácticas concreto de cada estudante e da entidade específica, apoiarán o desenvolvemento das competencias que poidan ser máis axustadas ao perfil profesional ou investigador e, na medida do posible, ligados á realización do Traballo de Fin de Máster.
Bibliografía básica:
Gavari, E. (2012). Estrategias para la comunicación escrita en el prácticum. Editorial Universitaria Ramón Areces.
Iglesias, M.L., Zabalza, M. A., & Raposo, M. (Coords.) (2005). El Prácticum como compromiso institucional. Los planes de prácticas: Prácticum y Prácticas en empresas en la formación universitaria. Actas do VII Symposium Internacional sobre el Prácticum. Servizo de Edición Dixital da Universidade de Santiago de Compostela.
Martín, Mª T., Lara. E. de, & Quintanal, J. (Coords.) (2006). El Prácticum en las titulaciones universitarias de educación: reflexiones y experiencias. Dykinson.
Zabalza, M. A. (2013). El Prácticum y las Prácticas en Empresas. En la formación universitaria. Narcea.
Bibliografía complementaria:
Agudo, N. (2017). Formación de formadores para la preparación de profesionales en contextos laborales. [Tesis doctoral]. Universidad de Granada. DIGIBUG. https://digibug.ugr.es/handle/10481/48228
Navío, A. (2005). Las competencias profesionales del formador: una visión desde la formación continua. Octaedro.
Rubio, Mª J., Millan, Mª D., Cabrera, F. A., Navío, A., & Pineda, P. (2011). Training in Spanish organizations: Trends and future perspectives. Intangible Capital, 7(2), 236-260. http://dx.doi.org/10.3926/ic.2011.v7n2.p236-260
Revistas de interese:
Revista de Educación, nº 354, 2011. Exemplar dedicado á formación práctica de estudantes universitarios: repensando o Prácticum.
Revista Prácticum - https://revistas.uma.es/index.php/iop/index
O profesorado supervisor das Prácticas Obrigatorias poderá recomendar outras referencias para o desenvolvemento da materia vinculadas a contextos de prácticas determinados.
Entre as competencias que desenvolve o Máster destacan especialmente para a materia de Prácticas Obrigatorias as seguintes:
Competencias Xerais:
CX3-Adoptar actitudes favorables cara á participación e implicación en procesos de formación e cara á colaboración como pauta de relación profesional.
CX4-Organizar e xestionar a utilización y o funcionamento de recursos humanos, materiais e tecnolóxicos en contornas formativas.
CX6-Asumir un compromiso ético e metodolóxico coa práctica científica e profesional.
CX11-Actuar con rigor, obxectividade e cautela á hora de emitir xuízos atendendo aos valores democráticos.
CXG12-Desenvolver unha actitude crítica na actuación profesional.
Competencias Específicas:
CE5-Desenvolver unha actitude positiva cara á incorporación das técnicas e/ou procedementos de recollida de información no traballo profesional.
CE7-Participar de forma colaborativa no desenvolvemento do coñecemento científico, empregando unha linguaxe formal científica e promovendo a transferencia dos resultados da investigación educativa á práctica profesional.
CE12-Axudar a outros profesionais na elaboración de programas de formación tomando como soporte os medios e redes de información e comunicación.
CE13-Deseñar materiais didácticos e contornas formativas en rede axustados ás características dos suxeitos e os contextos nos que van ser implementados.
CE14-Elaborar e utilizar dispositivos de avaliación diagnóstica das características de suxeitos e colectivos en relación aos seus coñecementos, destrezas, valores, actitudes así como dos seus comportamentos, necesidades, cualidades e outras características que permitan xustificar e fundamentar a acción educativa que de dita detección se derivara.
Nas prácticas en contextos laborais desenvólvense distintas actividades e tarefas tanto referidas á organización receptora de cada estudante, como ás e aos profesionais cos que interacciona -especialmente ao titor o titora de prácticas-, e as actividades relacionadas con procesos formativos.
Entre as tarefas e actividades destacan aquelas vinculadas con:
- Experiencias, vivencias, necesidades, problemas e dilemas dos profesionais.
- Modelos formativos, de asesoramento, de innovación e de investigación.
- Planificación de propostas formativas, actividades, interaccións, materiais, recursos dos profesionais.
- Coñecemento profesional, análise e resolución de problemas prácticos ligados a procesos formativos.
- Organización do material, tempo, espazo e ambientes en relación con procesos formativos.
- Procesos e dinámicas formativas, de innovación e investigación.
- Prácticas na organización e procesos colaborativos de avaliación, cambio e mellora da formación e o asesoramento: condicionantes, estratexias, problemas e resistencias.
O desenvolvemento da estadía de prácticas establécese nun período concreto do 2º cuadrimestre e durante a mesma non se imparten clases doutras materias do título. Dito período, obrigatorio para todo o alumnado matriculado na materia, no curso 2025-2026 será do 13 de abril ao 15 de maio de 2026 (ámbolos dous incluídos).
A materia de Prácticas Obrigatorias conta cunha Guía específica na que se amplían os apartados deste Programa e que se presentará ao alumnado e serve de pauta e apoio para o desenvolvemento da materia.
A avaliación realizarase atendendo aos seguintes aspectos:
- Seguimento do período de prácticas: seguimento da implicación e do traballo individual de cada estudante por parte do supervisor ou da supervisora universitaria. Será obrigatorio asistir, como mínimo, a unha titoría co supervisor ou a supervisora. A porcentaxe na cualificación final da materia desta dimensión será como máximo do 10%.
- Elaboración dunha Memoria de Prácticas, que incluirá o Proxecto e as tarefas realizadas. A porcentaxe deste aspecto na cualificación final será como máximo do 80%.
- Informe avaliativo do titor ou da titora de Prácticas, segundo modelo establecido, que se lle facilitará. A súa recepción será unha condición imprescindible para cualificar a cada estudante e terá unha porcentaxe máxima na cualificación final da materia do 10%.
Será obrigatorio cumprir as condicións e os prazos establecidos na Guía da materia para a entrega das tarefas.
2ª OPORTUNIDADE:
1. O alumnado que tendo asistido ás sesións organizativas e titorías obrigatorias, desenvolto adecuadamente o seu período na institución e tendo un informe favorable do titor/a da institución non entregue a memoria e/ou o proxecto na data fixada para a 1ª oportunidade ou estes non se avalíe/n positivamente, poderá entregar a memoria e/ou o proxecto na data que se fixe para a 2ª oportunidade.
2. O alumnado que asistira ás sesións organizativas e titorías obrigatorias, desenvolvera adecuadamente o seu período na institución e tendo un informe favorable do titor/a da institución, non entregue a memoria na data fixada para a 1ª e 2ª oportunidade (ou esta non se avalíe positivamente) no seguinte curso académico non terá que volver a desenvolver o seu Prácticum na mesma ou noutra institución, manténdose a cualificación deses apartados e tendo só que elaborar a memoria de Prácticum para ser avaliado/a.
3. O alumnado que non acade unha valoración positiva en todos os apartados do sistema de avaliación non poderá superar a materia neste curso académico (o período na institución non é recuperable dentro do mesmo curso académico).
COPIA/PLAXIO, GRABACIÓNS NON AUTORIZADAS E USO DE IA: Segundo a Normativa de avaliación do rendemento académico dos/as estudantes e de revisión de cualificación (aprobada en Consello de Goberno o 15 de xuño de 2011 e modificada o 5 de abril de 2017), a realización fraudulenta dalgún exercicio ou proba esixida na avaliación dunha materia implicará a cualificación de suspenso na convocatoria correspondente, con independencia do proceso disciplinario que se poida seguir contra o/a estudante infractor. Considerarase fraudulenta, entre outras, a realización de traballos plaxiados ou obtidos de fontes accesibles ao público sen reelaboración ou reinterpretación e sen citas aos autores e das fontes.
ASISTENCIA: Tendo en conta o Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela (aprobado en Consello de Goberno con data do 25 de novembro de 2024), a asistencia será preceptiva para superar a materia. Para isto, o alumnado deberá acudir ao 80% das horas.
EXENCIÓN E DISPENSA: Pola súa natureza, non se poderá ter exención oficial desta materia nin dispensa.
A carga en créditos das Prácticas Obrigatorias do Máster Universitario en Procesos de Formación é de 6 ECTS.
O traballo académico necesario previsto para o seu desenvolvemento indícase a continuación:
Actividades preparatorias e de titorización na Universidade ------- 4 horas
Estadía na institución asignada ----------------------------------- 130 horas
Elaboración da Memoria e do Proxecto ---------------------------- 16 horas
Total de horas de estudo e traballo persoal ---------------------- 150 horas
Seguir as orientacións recibidas polo supervisor ou a supervisora nas titorías na Universidade e polas e polos profesionais que exerzan como titoras e titores no centro de Prácticas.
.- O horario de titoría estará exposto nos despachos e na páxina web da Facultade.
.- As tarefas de supervisión das Prácticas adecuaranse ao encargo docente recoñecido pola Reitoría por estudante, aínda que este recoñecemento sexa considerado insuficiente dado o tipo e o número de tarefas encomendadas ao profesorado supervisor (preparación da estadía de prácticas co alumnado, coordinación cos titores e titoras dos centros de prácticas, seguimento e avaliación).
.- Responsabilidade medioambiental:
Evitar o uso de tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
Sempre que sexa posible, empregar grampas en lugar de encadernacións.
Imprimir a dúas caras en calidade "aforro de tinta".
Non empregar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
Evitar incluir anexos que non teñan referencia directa cos temas desenvolvidos.
.- Perspectiva de xénero:
Recoméndase o uso de linguaxe non sexista, tanto no traballo cotiá de aula como nos traballos académicos encomendados. Pódese obter máis información sobre isto no seguinte enlace: https://www.usc.gal/cdn/ff/QKcBDjOX5QgeJQkeVe81BaV8Ho1…
.- Obrigatoriedade de uso da conta de correo institucional (RAI):
A comunicación entre o profesorado, titores, coordinacións e alumnado debe realizarse a través da conta de correo institucional RAI. É imprescindible que cada alumna e alumno teña activado o seu correo electrónico institucional.
.- Obrigatoriedade do uso das ferramentas tecnolóxicas institucionais:
O alumnado deberá utilizar as ferramentas tecnolóxicas oficiais da USC, tales como o Campus Virtual, Microsoft Office 365 e outras ferramentas facilitadas e autorizadas pola universidade.
.- Uso do teléfono móbil:
Non se poderá empregar o teléfono móbil durante as clases, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo docente. O alumnado será responsable das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse dun uso inapropiado do teléfono.
.- Privacidade no proceso de ensino-aprendizaxe:
O ensino-aprendizaxe (clases/titorías) é un proceso privado, entendendo por privado o proceso de comunicación e intercambio de información entre o/a docente e o alumnado matriculado na materia.
.- Cumprimento da normativa de protección de datos:
O alumnado deberá respectar a normativa de protección de datos persoais. Pode consultar a política de privacidade no seguinte enlace: https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos