A técnica de análise elemental, baseada na completa e instantánea oxidación da mostra (combustión) e posterior determinación dos gases procedentes da combustión mediante un detector de conductividade térmica, é unha técnica esencial para o investigador de síntese (químico, farmacéutico etc.), ao que achega datos que contribúen á confirmación da estructura dun composto de nova preparación. Tamén resulta de grande utilidade na análise de solos, mostras mariñas e, en xeral, no control de identidade e pureza de calquera tipo de mostra que conteña os elementos C, N, H, S e O.
As súas aplicacións son:
- A identificación da pureza de compostos de nova síntese: mostras orgánicas, organometálicas, haloxenadas.
- As determinacións do contido de CHNS e O en derivados petroquímicos: fueles, gasolinas, aceites, coques etc.
- A análise de vexetación, madeiras, algas etc.
- A análise de alimentos (relación nitróxeno/proteína).
En función da cantidade e homoxenidade da mostra, a análise realizarase en microanálise (1-20 mg no CACTUS de Santiago de Compostela) ou en macroanálise (50-1000 mg no CACTUS de Lugo).
Determinación de carbono orgánico total
A determinación selectiva da materia orgánica nunha mostra sólida é posible despois da acidificación con HCI.
A acidificación realízase nunha cápsula de prata onde os carbonatos reaccionan (despréndese CO2) e a materia orgánica restante sécase a 80 ºC para a total eliminación dos carbonatos e a auga.
A continuación determínase o Carbono Orgánico Total (T.O.C) da mostra coas condicións analíticas estándar do analizador.
Xeralmente, analízase tamén a mostra sen tratar para determinar o Carbono Total (T.C.).
- Tipo de mostra: solos, sedimentos, compost...
- Tamaño da mostra: 20 - 30 mg
Unidade de Análise Instrumental
- Edificio de Apoio á Investigación (CACTUS) Lugo
- Campus Lugo s/n, 27002Lugo
- 982 822 816 (Responsable da Unidade)
- 982 822 818