Ir o contido principal
A Espectroscopía de Resonancia Magnética Nuclear (RMN) é unha técnica non destrutiva (a mostra recupérase intacta tras os experimentos) que permite estudar case calquera elemento (isótopo) da táboa periódica (1H, 13C, 31P, 15N, 23Na, 27Al, 29Si...). A información molecular obtense por medio de espectros de RMN.

Existe unha enorme variedade de tipos de espectros de RMN e cada un deles é sensible a un tipo de información molecular (estrutura covalente ou de ligazóns químicas, proximidade espacial entre átomos, difusión traslacional molecular, difusión rotacional etc.).  Os espectros de RMN modernos poden ter  ter unha ou máis dimensións (1D, 2D, 3D, 4D...) o que permite obter información molecular dunha forma rápida e precisa e que, á súa vez, evita problemas nas análises debidas a unha posible conxestión de sinais.

RMN en disolución

A RMN en disolución permite determinar a estrutura tridimensional e dinámica de moléculas disoltas tanto en H2O como en calquera outro disolvente. O rango de tamaño molecular que pode estudarse vai desde as pequenas moléculas orgánicas e péptidos ata proteínas ou DNA cun límite de tamaño de até 80 kDa, aproximadamente. Mediante RMN en disolución tamén se poden estudar as interaccións entre moléculas (ex. interacción fármaco-receptor), difusión molecular, análise de impurezas e produtos de degradación etc.

RMN de semi-sólidos HR-MAIS (xeles e mostras viscosas en xeral)

Para obter espectros de RMN de alta resolución con mostras viscosas e/ou inhomogéneas utilízase esta sonda  que permite a rotación da mostra no ángulo máxico e gradientes (PFG). Os experimentos de RMN de semi-sólidos son moi análogos aos das mostras líquidas convencionais. Este equipamento é ideal para analizar a composición química de produtos de alimentación (queixo, chocolate e outras emulsiones), perfil metabólico de tecidos ex-vivo ou extractos, estudar polímeros viscosos de alto peso molecular, análise de ácidos graxos e graxas en sementes. A combinación das técnicas de difusimetría de RMN e  a sonda HR-MAS son unha ferramenta moi poderosa para analizar os compoñentes dunha mestura complexa sen ter que separalos fisicamente.  

RMN de sólidos

A RMN en estado sólido permite estudar propiedades físicas e químicas de mostras en estado cristalino ou amorfo. As aplicacións inclúen a determinación da estrutura molecular, empaquetado intermolecular en sólidos amorfos, propiedades de materiais (flexibilidade, fraxilidade...), evolución de materiais (ex. evolución do grao de hidratación dun clinker de cemento, composición de material orgánico e inorgánico de solos e estudo de mostras heteroxéneas en xeral).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2023.