Presentarase o novo portal estatístico da Economía Social en Galicia e o Informe da Economía Social en Galicia 2023

A Universidade de Santiago de Compostela participa, a través do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP), na VI Semana Universitaria da Economía Social cun conxunto de actividades destinadas a visibilizar estas entidades da economía galega e os resultados da investigación neste ámbito entre os estudantado de distintos graos.
O acto central terá lugar o mércores 26 de marzo ás 13.00 horas na aula B da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, no que se presentarán o novo portal estatístico da Economía Social en Galicia (GALESTAT) e o informe da Economía Social en Galicia 2023. Participarán a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño; a vicedecana da Facultade anfitrioa, Romina García; e a directora do CECOOP, Maite Cancelo.
Neste evento intervirá ademais o presidente do Foro da Economía Social Galega, Mino Martínez, que presentará catro entidades das principais familias da economía social galega que exporán brevemente o seu modelo empresarial como Carlos Carrión, da Sociedade Cooperativa Vitivinícola Arousana (bodegas Paco&Lola); Xosé Lois Lamazares, de Lugar da Veiga SLL (galletas Mariñeiras); Rosa Gutiérrez, de Coregal, e Víctor Manuel Blanco, de Primicias Raiña.