Ir o contido principal

I Campionato de Robot Sumo

Detalle do cartel
Detalle do cartel

A Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) acolle este martes 16, ás 10.00 horas, a participación do estudantado de segundo curso do Grao en Robótica na primeira Competición de Battlebots (modalidade Sumo), un evento que pon a proba o enxeño, o deseño electrónico e a destreza técnica das persoas profesionais do futuro na enxeñaría.

A competición xorde como o cumio práctico da materia 'Tecnoloxía Electrónica' do Grao en Robótica. Neste reto, o estudantado non só debe demostrar os seus coñecementos teóricos, senón tamén a súa capacidade para construír máquinas autónomas capaces de localizar e expulsar o seu opoñente dun círculo (dohyō) de combate, seguindo as regras tradicionais do sumo. "Esta competición é moito máis que un xogo; é unha aplicación real de sistemas electrónicos complexos, onde a robustez do deseño e a precisión da programación marcan a diferenza entre a vitoria e a derrota", explican dende a organización do evento.

Nesta primeira edición, a competición contará coa participación de proxectos que representan o talento emerxente da robótica na EPSE. Deste xeito, intervirán algúns dos equipos que están a desenvolver os seus robots de competición: CSM, Ctrl+Alt+Destroy, Eggbots, Ironhide, LOS TERMINATORS, Morla, Osito mechanics, Overclocked, PANZER3000, PRV, y Team Pixel. A competición poderá seguirse en liña.  

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.12.2025.