
O Museo Universitario A Domus do Mitreo reunirá do 17 ao 18 de setembro unha ducia de especialistas procedentes de universidades do Estado e mais europeas para abordar os mitreos situados en ambientes domésticos. A actividade que botará a andar ás 9.30 horas do día 17, estará aberta ao conxunto da cidadanía ata completar a capacidade do espazo. A sesión inaugural estará presidida polo reitor Antonio López Díaz e contará coas intervencións dos coorganizadores do coloquio, María Dolores Dopico Caínzo e Jaime Alvar Ezquerra, e de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia.
Esta iniciativa forma parte das actividades conmemorativas do 25 aniversario do descubrimento da Domus do Mitreo, xacemento que conta cun dos escasos lugares de culto dedicados a Mitra na Península Ibérica. Os resultados deste foro daranse a coñecer nunha monografía que aspira a converterse “en referencia fundamental para profundar nesta cuestión”, explica a profesora Dolores Dopico, directora do museo. A profesora Dopico coordina este evento en colaboración con Jaime Alvar Ezquerra, catedrático de Historia Antiga da Universidade Carlos III de Madrid.
O coloquio comezará situando a Mitra no seu contexto para, a continuación, abordar de xeito específico a Mitra na domus. Os mitreos en domus en Hispania, así como o culto doméstico e a súa materialidade integran tamén o programa que se estende ao longo de dúas xornadas.