Salón de Graos

No marco da homenaxe In Memoriam que a Cátedra Valle-Inclán da USC lle organizou ao profesor Javier Serrano Alonso (1962-2024), no marco do 50 Aniversario da Facultade de Filoloxía o 9 de abril terá lugar unha conferencia de Javier del Valle-Inclán Alsina que servirá de peche da exposición El Trueno Dorado de Ramón del Valle-Inclán.
A exposición centrouse en ilustrar, a través de imaxes e da documentación pertinente (manuscritos, ilustracións, fotografías, edicións e outros materiais), a complexa historia da novela póstuma de Valle-Inclán. Esta obra foi escrita durante a súa estadía en Santiago no ano 1935, cando o autor, enfermo de cancro, estaba sendo tratado no sanatorio do Doutor Villar Iglesias. Durante este período, Valle-Inclán traballou na súa novela ata poucos días antes do seu falecemento, o 5 de xaneiro de 1936. A obra foi publicada post mortem no diario madrileño Ahora.
Javier Serrano Alonso era un recoñecido valleinclanista, profesor do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral e membro do Grupo de Investigación Valle-Inclán e da Cátedra homónima. O acto estará presidido polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo.