En colaboración coa Asociación Internacional de Familiares e Afectados de Lipodistrofias (AELIP), xuntará persoal investigador e doentes

Con motivo do Día Mundial das Lipodistrofias, o 31 de marzo o CiMUS e a Asociación Internacional de Familiares e Afectados de Lipodistrofias (AELIP) organizan un encontro para trazar a radiografía actual das lipodistrofias ademais de contar con testemuñas reais de doentes.
Entre os principais temas a tratar abordaranse a identificación dos principais fenotipos; as proxerias como reto diagnóstico e pronóstico; a diagnose molecular e o tratamento actual e os seus problemas de acceso en España.
O coordinador do Laboratorio de Lipodistrofias, que forma parte do grupo Patoloxía Molecular das Enfermidades Raras da USC, David Araújo-Vilar, valora moi necesario este encontro xa que “segue habendo descoñecemento entre os médicos destas doenzas raras, porque o que non se coñece non se diagnostica, e isto resulta vital xa que determinadas lipodistrofias poden ir asociadas a unha menor esperanza de vida e á aparición de complicacións graves, principalmente, aínda que non só, metabólicas e hepáticas”. “Facer este encontro en colaboración con AELIP é fundamental ademais, xa que o movemento asociativo resulta crucial para dar visibilidade e promover a investigación", salienta.