Ir o contido principal

Encontros Americanos na Granell: 'Ciencia e crise na América Latina'

25.02.2025 | 19.30h

Fundación Eugenio Granell

Co profesor e investigador Jose Edelstein

Eugenio Granell, Excursión a Citerea, 1952. Gouache/papel, 51 x 76,5 cm. Colección Fundación Eugenio Granell
Eugenio Granell, Excursión a Citerea, 1952. Gouache/papel, 51 x 76,5 cm. Colección Fundación Eugenio Granell

Ciencia e crise en América Latina será o tema da vindeira sesión dos Encontros Americanos na Granell que organiza o grupo de investigación HistAmérica da USC en colaboración coa Fundación Granell. Será o martes 25 de febreiro ás 19.30 horas cando o profesor de física teórica da USC e investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, José Edelstein, reflexione sobre o papel da ciencia e a utilización que dela fan algúns mandatarios políticos en contextos de crise en América, e particularmente en Arxentina, país de orixe do relator.

Tal e como explicará, o antagonismo entre o coñecemento científico e o "instinto natural" foi a baza coa que xogaron a maior parte dos gobernos de ultradereita que chegaron á escena americana nas últimas décadas, tendo en Trump, Bolsonaro o Milei os seus principais expoñentes. Desde esta óptica, afirma o profesor, a ciencia convértese nun factor regresivo e a intelectualidade científica; para o caso arxentino, cae no saco das "castas políticas" que Milei responsabiliza da "desfeita" moral e económica, chegando a sentenciar que "o cambio climático é unha mentira do socialismo e do marxismo cultural".

Os encontros
Os Encontros Americanos na Granell, cofinanciados pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través da súa convocatoria de axudas de dinamización cultural, confórmanse como espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través de conferencias mensuais que abordan temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo.

As persoas participantes son especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, así como profesionais vencellados á realidade da rexión nas súas múltiples facetas. Neste caso, Edelstein  é autor de máis de 75 artigos científicos e, entre outros, de Einstein para perplejos (xunto a Andrés Gomberoff, Premio Prismas 2019). O seu traballo foi premiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía en 2012 e "pola súa contribución ao fortalecemento do sistema arxentino de ciencia, tecnoloxía e innovación" recibiu o Premio Raíces (2018). En 2021 creou, xunto a Javier Santaolalla e Jorge Pérez Melián, a plataforma de contido científico Amautas, que recibiu tamén o Premio Prismas 2023.
 

Cartel do encontro
Cartel do encontro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2025.