Ir o contido principal

Mesa redonda ‘Innovación nos coidados: avances na investigación e modelos de atención nas persoas con enfermidades neurodexenerativas’

A xornada desenvolverase no CiMUS. Foto: Santi Alvite
A xornada desenvolverase no CiMUS. Foto: Santi Alvite

A atención integral de persoas que padecen enfermidades neurodexenerativas e as súas familias para mellorar a súa calidade de vida é o obxectivo da mesa redonda que terá lugar o luns 15 no CiMUS. En colaboración coa Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), e como antesala do Día Mundial do Alzheimer o 21 de setembro, o centro singular da USC presta atención a unha abordaxe integral destas patoloxías, desde a perspectiva do diagnóstico e tratamento, con probas de imaxe de alta precisión; ata novidosos estudos e avances farmacolóxicos que se veñen desenvolvendo no CiMUS. A visión neuro-psicolóxica terá tamén un importante espazo neste encontro da man de especialistas de AGADEA.

Avances en investigación en Alzheimer


Na mesa, Dolores Viña, do grupo CDPharma do CiMUS, fará un percorrido polos principais factores de risco na enfermidade do Alzheimer e compartirá o traballo de investigación do grupo que dirixe enfocado á identificación de novas dianas terapéuticas para protexer a integridade da barreira hematoencefálica favorecendo así a neuro-protección.

Pablo Aguiar, do Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose do CiMUS, tratará as técnicas de imaxe PET e como contribúen aos avances no diagnóstico de Alzheimer en fases moi temperás.  Aínda que non están dispoñibles en todos os hospitais e teñen un custo elevado, trátase de avances revolucionarios e sen precedentes, pois ofrecen unha proba non invasiva e moi precisa para identificar a persoas en risco de padecer a enfermidade. Estas técnicas representan un cambio de paradigma na práctica clínica, pasando dun diagnóstico tardío a un diagnóstico en pacientes asintomáticos, co que se pode avanzar cara a terapias máis personalizadas que se apliquen cando a enfermidade aínda é reversible, e mesmo a desenvolver estratexias de medicamento preventivo no campo das demencias.

Pola súa banda, José Manuel Brea, tamén do grupo do CiMUS Biofarma, será o encargado de revisar as estratexias actuais para o tratamento da enfermidade, poñendo especial énfase nas posibilidades terapéuticas que ofrece o lecanemab, un anticorpo monoclonal de recente aprobación en España. Tamén falará dos estudos clínicos que se están levando a cabo xunto con novas estratexias experimentais que se utilizan para a busca de novos tratamentos.

Apoio psicolóxico a persoas enfermas e coidadoras 


Desde AGADEA, a neuropsicóloga Taida Sánchez abordará os novos métodos diagnósticos relacionados cos biomarcadores en análises de sangue e presentará a guía de apoio a persoas coidadoras elaborada polo equipo da Asociación. Por outro lado, o psicólogo Jorge Méndez falará sobre as novas terapias farmacolóxicas en xeral, os distintos tipos que existen na actualidade e cales e por que aplican en AGADEA.

Programa do encontro
Programa do encontro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2025.