
O proxecto interdisciplinario de aprendizaxe-servizo (ApS) ASerES Lugo, con entidades socioeducativas, diríxese ao estudantado de primeiro curso dos graos de Mestre/a de Educación Primaria, de Educación Infantil e do dobre grao que cursa as materias de Socioloxía da Educación, Didáctica e Tarefas Docentes e Didáctica e Profesión Docente. Coa vontade de difundir este proxecto de ApS no que se ofrece unha visión ampla e diversa da comunidade na que o estudantado está chamado a desempeñar o seu rol educador nun futuro próximo, a Facultade de Formación do Profesorado acolle o 22 de abril, ás 12.00 horas, unha sesión de presentación de resultados.
As impulsoras da iniciativa son as profesoras Marta María Poncet Souto, Alba María Souto Seijo e Eva María Barreira Cerqueiras, como coordinadora de ApS. Paralelamente, o equipo docente conta co apoio técnico necesario que lle proporciona o Servizo de Participación e Inclusión Universitaria do Campus de Lugo.
Cómpre destacar que, para o desenvolvemento dunha experiencia de aprendizaxe-servizo coma a que se leva a cabo, é fundamental a confianza que depositaron no proxecto todas as entidades colaboradoras. "Precisamente, este compromiso Facultade-Comunidade é un dos piares deste proxecto, que se caracteriza por unha metodoloxía participativa a través da cal se intenta dar resposta a necesidades socioeducativas", sinalan.
Na presente edición participaron ALUME Saúde Mental, AFALU (Asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo), AECC Lugo, Cáritas Diocesana de Lugo, COGAMI Lugo, Cruz Vermella Lugo, Down Lugo, Fundación JuanSoñador, Fundación Secretariado Gitano, Manos Unidas, Raiolas Lugo, Taller de Solidaridad, Asociación Nacional Presencia Gitana, Fundación Breogán, CB Cidade de Lugo, ADC Diversia, ADC Fonte do Rei, Protectora de Animais e Plantas de Lugo, Asociación Protectora Michos de Lugo, ASANOG, ASPANAES e ASPANANE.