A vindeira sesión do Ciclo de Cine Filosófico ten lugar o mércores día 5 de novembro ás 18:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía coa proxección do filme Les yeux sans visage [Os ollos sen rostro] (1960), de Georges Franju (VOSE).
Trátase dunha cinta de terror moi especial, que toma ingredientes do cinema policíaco e tamén do cinema de intriga e suspense (thriller), pero que ao tempo non é ningunha destas cousas xa que estamos ante unha película que resulta todo menos convencional, que causou un escándalo maiúsculo no seu día. Así, a revista Sight and Sound cualificouna de nauseabunda e un crítico de The Spectator chegou a dicir: "non vin película máis asquerosa na miña vida". “É gracioso ver como o cualificativo de "asqueroso" pode estar definido culturalmente e estar, en consecuencia, tan ancorado na caprichosa temporalidade, pois estamos antes una das películas máis poéticas que se rodaron xamais”, afirma o decano da facultade Xavier de Donato.
Referente das posteriores Halloween, de John Carpenter, ou A pel que habito, de Pedro Almodóvar, a historia do cinema non deu un mellor exemplo de como o terror -ese terror chamado body horror- se pode axuntar co poético e co filosófico. A protagonista do filme di algo a este respecto moi revelador: "A miña cara asústame, pero máis me asusta a miña máscara". Se, como dixo Nietzsche, ao ser humano le gusta a máscara, explican dende a organización, non pode haber maior terror que o que produce unha máscara equivocada, unha máscara imposta que non nos podemos quitar. Tal vez só a xaponesa Onibaba, de Kaneto Shindō, rodada só catro anos despois, se achegou a este terror lírico-metafísico da máscara que é Les yeux sans visage, unha das obras mestras que deu o cinema de todos os tempos.
Esta é unha actividade do proxecto Cultura en Mazarelos da Facultade de Filosofía, que conta cun recoñecemento de dous créditos ECTS para todo o alumnado da USC. A entrada é de balde ata completar aforo.