Ir o contido principal

Semana da Ciencia do IGFAE

Relatorio ‘A segunda revolución cuántica: o camiño dende a ciencia á enxeñaría', a cargo de Antía Lamas Liñares

11.11.2025 | 20.00h

Casa das Máquinas
Santiago

Antía Lamas Liñares
Antía Lamas Liñares

Neste 2025 está a celebrarse o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, coincidindo co centenario da publicación, en 1925, dalgúns dos artigos que sentaron as bases da mecánica cuántica, coa conseguinte revolución da nosa comprensión do mundo natural. Co gallo desta efeméride, a Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, achégase desde perspectivas moi diversas a esta disciplina, esencial para o desenvolvemento da física moderna. 

O acto central desta semana será a conferencia de Antía Lamas Liñares, física compostelá que actualmente é científica cuántica principal en Amazon Web Services, liderando o traballo de redes cuánticas nesta multinacional. Terá lugar o martes 11 de novembro ás 20.00 horas na Casa das Máquinas (Rúa das Galeras, s/n). Na súa charla, ‘A segunda revolución cuántica: o camiño dende a ciencia á enxeñaría’, abordará as oportunidades que ofrece, 100 anos despois, o desenvolvemento da mecánica cuántica para producir novas tecnoloxías e produtos.

Antía Lamas Liñares criouse en Santiago e fixo a carreira de Física na USC. Despois obtivo un máster en Óptica Aplicada no Imperial College London, e o seu doutoramento na Universidade de Oxford. Máis adiante realizou unha estadía posdoutoral na Universidade de California Santa Barbara, antes de establecer o seu propio grupo de óptica cuántica na Universidade Nacional de Singapur. Durante o seu tempo en Singapur axudou a lanzar o Centro de Tecnoloxías Cuánticas, do que foi Investigadora Principal fundadora. 

Desde 2010 traballa nos Estados Unidos, primeiro no Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxía e despois no Centro de Computación Avanzada de Texas. En 2019 uniuse a SpeQtral, unha startup singapurense centrada en comunicacións cuánticas baseadas en satélites, como Científica Cuántica Principal. En 2021 incorporouse a Amazon. 

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2025.