Salón de Actos
Impartido polo coordinador científico de CRETUS da USC, Juan M. Lema

O coordinador científico de CRETUS da USC, Juan M. Lema, imparte o 24 de abril o seminario ‘Financiamento, Innovación e Investigación en Galicia no Contexto Español e Europeo. Perspectivas 2025-27’. A actividade, a desenvolver ás 12.00 horas no salón de actos da ETSE, está aberta a toda a comunidade universitaria previa inscrición.
O seminario analizará a evolución económica de Galicia así como o financiamento da investigación, enmarcada nun contexto comparativo co conxunto das Comunidades Autónomas españolas e das Rexións Europeas. Ademais, avaliarase o estado da innovación en España e Galicia no ámbito europeo, facendo especial fincapé no ‘Regional Innovation Scoreboard’ e na evolución das patentes rexistradas tanto no ámbito europeo como español.
No eido da investigación, compararase a evolución da produción científica de Galicia — en termos cuantitativos e cualitativos— co conxunto das Comunidades Autónomas, unha análise que abranguerá o Sistema Universitario Galego no seu conxunto e, de maneira desagregada, as tres universidades galegas. De forma específica, estudarase a traxectoria da Universidade de Santiago de Compostela en relación con outras universidades españolas e europeas.
Por último, o profesor Lema ofrecerá unha visión global do novo Plan Galego de Investigación 2025-2027, destacando os seus obxectivos estratéxicos, os instrumentos e o seu potencial impacto sobre o sistema de I+D+i galego.
