Ir o contido principal

Xornada de Convivencia e Formación Universitaria no Campus de Lugo

14.10.2025 | 10.30h
Facultade de Veterinaria. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Veterinaria. FOTO: Santi Alvite

A terceira edición das Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria, unha actividade que organiza o Consello do Estudantado para facilitar a integración e formación como parte activa da vida universitaria, comeza o 14 de outubro no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo e terá unha segunda parte, o día 22 dese mes, no Campus de Santiago. A sesión de apertura no campus lucense comezará ás 10.30 horas.

As xornadas están especialmente pensadas, previa inscrición, para persoas de primeiro e segundo curso, pero están abertas a todo o estudantado da USC, xa que os contidos e actividades poden resultar proveitosos para calquera persoa interesada en coñecer mellor a universidade. 

Ao longo dos dous días desenvolveranse charlas, obradoiros prácticos, formacións e dinámicas participativas arredor de temas clave como os dereitos do estudantado, a participación universitaria, a saúde mental, os primeiros auxilios, a carreira investigadora, as habilidades comunicativas, os recursos para o estudo e moitos outros contidos de interese. Ademais, contarase coa colaboración de diversas asociacións universitarias.

Dende o Consello do Estudantado, destacan que durante as xornadas as faltas de asistencia a clase estarán xustificadas. Ademais, entregarase certificado de participación e o desprazamento e a comida de ambos os días estarán cubertos. A participación implica a obtención de 1 crédito ECTS. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.10.2025.