Ir o contido principal

I Xornadas da Integridade Pública de Galicia

09.12.2024 | 11.00h
A xornada desenvolverase en Ciencias Económicas e Empresariais
A xornada desenvolverase en Ciencias Económicas e Empresariais

Coincidindo co Día Internacional contra a corrupción, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acollerá o 9 de decembro as primeiras Xornadas da Integridade Pública de Galicia que organiza o Consello Social e que serán inauguradas polo reitor da USC, Antonio López, e o conselleiro Maior do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro Fernández.

Nesa xornada presentarase, ás 11.00 horas, a obra colectiva El control externo y el impacto de la prevención de la corrupción. Estudios en homenaje al profesor José Antonio Redondo López, editada por Aranzadi, que ademais de incluír os traballos galardoados co primeiro e segundo premio da terceira edición do Carlos G. Otero Díaz, integra achegas doutrinais de autores de reputado prestixio como Santiago Lago Peñas, catedrático de Economía Aplicada da USC; Jorge Martínez-Vázquez, da Georgia State University; María Cadaval Sampedro, profesora de Economía Aplicada da USC, ou Concepción Campos Acuña, experta en xestión pública e co directora de Red Localis, entre outras e outros.

O acto continuará cunha conferencia de Fernando Jiménez Sánchez, catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Murcia, doutor en Ciencia Política pola Universidade Complutense e doutor membro do Instituto Carlos III-Juan March. É experto de GRECO (Grupo de Estados contra a Corrupción) do Consello de Europa, membro do capítulo español de Transparencia Internacional, forma parte do Consello Asesor da Fundación Hay Derecho e co dirixe a Cátedra de Bo Goberno e Integridade Pública da Universidade de Murcia.

Finalmente, como peche da xornada procederase ao acto formal de entrega dos galardóns das distintas edicións do Premio Carlos G. Otero Díaz do Consello de Contas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2024.