Ir o contido principal

Máis de 1.200 adolescentes en 12 edicións selan o compromiso de Xuvenciencia co Día das Universidades pola Infancia

Imaxe de arquivo de estudantado co Campus de Verán
Imaxe de arquivo de estudantado co Campus de Verán
A décima terceira edición do Campus de Verán, dotada con 95 prazas, desenvolverase en Lugo do 29 de xuño ao 5 de xullo e a preinscrición ábrese o 9 de maio ás 15.30 horas
Lugo

A carón da Rede Europea das Universidades para a Infancia (EUCU.NET), da que forma parte desde 2013, XuvenCiencia conmemora este 11 de abril o Día Internacional das Universidades para a Infancia e faino co anuncio de que a décimo terceira edición do seu Campus de Verán desenvolverase en Lugo do 29 de xuño ao 5 de xullo. As 95 prazas desta nova vaga de rapazada xuvencientífica súmase aos máis de 1.200 adolescentes que xa pasaron polas doce edicións anteriores. 

Grazas a actividades como o Campus de Verán XuvenCiencia, as persoas participantes “irrompen nas facultades e centros universitarios cunha morea de preguntas e inzados de curiosidade, á espreita de poder coñecer, tocar e experimentar nos laboratorios e aulas onde traballa o persoal investigador que realiza os descubrimentos que moven o mundo”, destacan dende o equipo de XuvenCiencia. “Consideramos que esta fascinación polo coñecemento na infancia, na que pode prender a faísca tanto dunha carreira futura como unha vida adulta con máis recursos e saberes, é un motivo de celebración”, engaden. En XuvenCiencia fan súas as palabras da EUCU.NET sobre como o “acceso sen trabas á ciencia e á investigación nunha idade temperá é máis necesario ca nunca. Queremos máis igualdade de oportunidades para o futuro da nosa infancia e adolescencia”.

No caso concreto do Campus de Verán XuvenCiencia a consultaría social cooperativa aToupa acaba de realizar unha análise das enquisas de satisfacción que o estudantado responde desde a primeira edición, que tivo lugar en 2013. “Grazas a este informe constatamos que o campamento científico do Campus de Lugo resulta unha ferramenta que lle é útil ao estudantado adolescente para rebaixar as incertezas sobre o seu futuro académico e/ou profesional”, destacan. Por unha banda, teñen o privilexio de entrar en facultades e centros de investigación reais e de partillar os proxectos máis punteiros de persoal investigador e profesorado da USC, ao tempo que coñecen o Campus de Lugo e a variedade de graos que se imparten. Por outra banda, unha gran maioría define XuvenCiencia como “unha experiencia desas que lles mudan as ideas e os preconceptos e na que fan amizades que conservarán o resto da vida”. Para divulgar o informe, aToupa elaborou un vídeo de resultados que difundimos a través da canle de YouTube de XuvenCiencia e para toda a rede da EUCU.NET.

As universidades para a infancia asumen a súa responsabilidade social e comunitaria e realizan unha importante achega nos eidos da educación e da ciencia. O grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela é a única entidade galega e de todo o Estado español que forma parte da EUCU.NET, que está integrada por case oitenta centros de investigación e universidades de todo o mundo, dende Islandia a Exipto, Canadá, Brasil ou Australia, e que ten unha especial pegada en países do centro e do norte de Europa. A EUCU.NET entende que, como recoñecemento dos seus éxitos, as universidades para a infancia de todo o mundo “merecen un día de celebración pública internacional”, que quedou fixado desde o pasado ano 2024 na data do 11 de abril.

Preinscricións, dende o 9 de maio

O Campus de Verán XuvenCiencia chega neste verán de 2025 á súa décima terceira edición, que regresa ás facultades, laboratorios, aulas e espazos do Campus de Lugo da USC entre o 29 de xuño e o 5 de xullo. Ofrécense nesta ocasión 95 prazas para estudantado de terceiro e cuarto cursos da ESO, BAC e ciclos medios de Formación Profesional, en réxime de pensión completa con aloxamento en residencias universitarias. O estudantado poderá iniciarse na investigación tanto nos eidos das ciencias naturais e da saúde como nos da enxeñaría, as ciencias sociais e as humanidades. O prazo para preinscribirse e reservar unha praza neste campamento científico abre o vernes 9 de maio ás 15.30 horas na web de XuvenCiencia

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2025.