Ir o contido principal

Máis de 1.500 estudantes de secundaria de toda Galicia coñecen a USC

Máis de 1.500 estudantes de 34 centros de ensino secundario de toda Galicia visitan esta semana os campus de Compostela e Lugo dentro dos Encontros na zona USC 2010. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa ‘A Ponte’ que pretende deste xeito dar a coñecer aos futuros estudantes a estrutura e os servizos da institución académica.
En Compostela percorrerán, a partir das 10:30 horas, os campus Norte e Sur así como outros espazos que integran o patrimonio histórico da Universidade, o Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’ ou o Centro Superior de Hostalaría de Galicia.
Os do Campus Norte saíran da Residencia Burgo das Nacións e realizarán cinco percorridos: Filoloxía e Ciencias da Comunicación; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación (Mestres) e Escola de Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; e Xeografía e Historia e Filosofía.
No Campus Sur partirán da Residencia Monte da Condensa con seis itinerarios: Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas; Química e Física; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Escola Técnica Superior de Enxeñaría; Óptica e Optometría; e Psicoloxía e Ciencias da Educación.
Campus de LugoSerán preto de 150 estudantes de catro institutos das provincias de Lugo e A Coruña os que visiten esta semana as instalacións do campus lugués. O alumnado partirá, dende o martes ao xoves ás 10:00 horas, dende a Residencia Universitaria Bal y Gay acompañados de alumnos-titores que os guiarán polos diferentes centros e facultades segundo o seu interese polas titulacións en Ciencias da Saúde, Ciencias Experimentais, Ciencias Xurídicas e Sociais, Humanidades ou Ensinanzas Técnicas.
Así, un grupo coñecerá a Facultade de Ciencias e a Aula de Produtos Lácteos; outro irá a visitar Veterinaria, Enfermaría, o Hospital Rof Codina e a Biblioteca Intercentros; un terceiro percorrido será pola Escola Politécnica Superior e a Intercentros e un cuarto se chagará a Humanidades, Escola de Formación de Profesorado e de novo a Biblioteca.
A PonteO programa ‘A Ponte’ pretende acercar a universidade e os seus servizos aos estudantes de ensino medio e á sociedade en xeral, transmitíndolles información e respondendo as dúbidas que van desde o acceso a universidade, a propia matrícula ou número de prazas por titulacións ata as bolsas ou saídas laborais das diferentes carreiras

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.03.2010.