O 30 de outubro remata a inscrición no programa gratuíto de fomento do emprendemento en cooperativas

Como parte das actividades do proxecto ES-FACTORY, a Universidade de Santiago de Compostela pon en marcha un programa gratuíto de impulso á creación de cooperativas, dirixido a persoas interesadas en adquirir competencias en xestión empresarial cooperativa a través de formación e acompañamento personalizado. O prazo de inscrición remata o 30 de outubro.
Esta iniciativa para o fomento do emprendemento no que participa a USC componse de dúas xornadas presenciais de 16 horas de formación (en formato presencial e en liña), co obxectivo de formar e agrupar persoas arredor de ideas de negocio viables. A inscrición está aberta a calquera persoa residente en Galicia ou no Norte de Portugal. Procurarase combinar participantes que xa conten cunha idea emprendedora con outras que busquen atopar outras persoas coas que poder emprender.
Compromiso coa economía social
O proxecto de cooperación interrexional ES-FACTORY, no que se enmarca este programa de fomento do cooperativismo, conta coa participación de diversos socios da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, comprometidos coa promoción da economía social. Entre eles, ademais da USC, atópanse a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), a Unión de Cooperativas EspazoCoop, a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), a Associação Centro de Incubação Base Tecnológica do Minho (ACIBTM) e a Associação Universidade-Empresa para o Desenvolvimento (TecMinho). Ademais, participa como socio non financiado a Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL).
O obxectivo principal deste consorcio é impulsar e consolidar emprego de calidade en novas actividades emerxentes no territorio transfronteirizo de Galicia e o Norte de Portugal, mediante o fomento da economía social. O proxecto busca detectar novas oportunidades de negocio que favorezan a retención e atracción de talento emprendedor, promovendo a creación dunha economía social sostible e competitiva.