60 estudantes dunha vintena de países de todo o mundo chegan a Santiago para empaparse da lingua e cultura galegas

A trixésimo quinta edición dos Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ reunirá este mes de xullo en Santiago sesenta estudantes procedentes de máis dunha vintena de países de Europa, América e Asia. O centro acollerá o groso dun calendario de tres semanas que inclúe, alén de clases teóricas e prácticas de galego, conferencias e obradoiros de música tradicional, entre outras propostas.
A académica María López-Sández e a secretaria do ILG, María Álvarez de la Granja, asumen a dirección e a secretaría desta nova edición, que se desenvolve co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. O programa contará coa participación de alumnas e alumnos internacionais procedentes de Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Suíza, Ucraína, A China, A India, Uzbekistán, A Arxentina, O Brasil, Colombia, Cuba, os Estados Unidos e México. Tamén formarán parte da nova promoción estudantes procedentes doutras comunidades autónomas de España.
Organizada pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da USC, a cita inaugurouse este xoves 3 na Facultade de Filosofía nun acto no que participaron, ademais da directora e secretaria dos cursos, o vicerreitor de Profesorado, Ernesto X. González Seoane; o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez; e o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.
Enresto González lembrou a traxectoria destes cursos, que comezou con estudantes de todo o mundo que viñan coñecer de primeira man “a realidade lingüística e cultural dun país que necesitaba reivindicarse interiormente pero tamén coñecido e recoñecido no mundo enteiro como pobo con cultura singular e unha lingua propia e en situación de risco”. “Todas esas persoas acabaron exercendo de voceiros, en certo modo valedores da causa do galego noutros foros académicos”, dixo, e animou a vivir esta experiencia “que ten moito de académico, pero tamén de inmersión na nosa vida e cultura, de xeito que agardo que cando rematedes sexades unhas persoas diferentes”.
Pola súa banda, Henrique Monteagudo -que interveu por primeira vez como presidente na apertura da nova edición duns cursos aos que está vinculado desde o seu nacemento, no verán de 1988- lembrou a súa etapa como profesor nas primeiras edicións e posteriormente director desta convocatoria. “Estes cursos son unha oportunidade para achegarvos á nosa cultura e á nosa lingua, que expresa unha visión do mundo e a súa historia. Porque non podemos esquecer que somos unha minoría lingüística porque padecemos opresión, discriminación, e a través da nosa lingua tamén tedes unha visión do mundo desde as minorías, unha visión do mundo desde a que reclamamos a paz, a liberdade e o respecto pola diversidade”, manifestou.
A directora dos Cursos, a académica e profesora da USC María López-Sández, explicou as claves do programa que, alén de incidir no académico, ofrece actividades complementarias de extensión cultural, este ano con conferencias e obradoiros que poñen o foco na celebración das Letras Galegas das cantereiras e a poesía popular oral. “Quixemos facervos partícipes dunha conmemoración que recoñece a creación e transmisión dun legado cultural de enorme valor”, salientou. Así, contarase, entre outras persoas convidadas, co académico Antón Santamarina, catedrático xubilado da USC, coautor do Cancioneiro popular galego xunto á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth. “Ela pode ser un espello para vós. Dorothé Schubarth tamén veu a Galicia desde outra cultura, quedou engaiolada pola nosa e deixounos un legado inesquecible”, recoñeceu. “Despois desta experiencia, vós tamén ides levar a lingua e a cultura galegas como referente para o resto das vosas vidas”, agoirou.
No acto interviñeron ademais Maria Álvarez, que destacou que o ILG ten as portas abertas a todo o alumnado e lembrou que diversos colaboradores internacionais foron antes alumnos dos Cursos, e Valentín García, que tamén se dirixiu ao estudantado dos cursos: “Ides descubrir un país distinto, único no mundo, moi especialmente pola nosa lingua, que se foi forxando ao longo dos séculos. A irmandade que ides ver nesta cidade impregna Galicia enteira”, dixo.