Ir o contido principal

Un total de 72 traxectorias científicas vinculadas á USC, entre as máis influentes do mundo

En concreto, a clasificación considera as citas entre 1996 e 2024 dos documentos publicados dende 1960. FOTO: Santi Alvite
En concreto, a clasificación considera as citas entre 1996 e 2024 dos documentos publicados dende 1960. FOTO: Santi Alvite
A base de datos coñecida como Ránking de Stanford recolle máis de 200.000 especialistas, pertencentes a 22 campos científicos e 174 subcampos
Lugo, Santiago de Compostela

A base de datos do persoal científico máis citado, coñecida como Ránking de Stanford, destaca na súa última versión un total de 72 traxectorias científicas vinculadas á USC, entre as máis influentes do mundo. A listaxe elabórase a partir dos perfiles publicados en Scopus, base de datos de referencias bibliográficas e citas da empresa Elsevier, e recolle máis de 200.000 carreiras investigadoras, pertencentes a 22 campos científicos e 174 subcampos.

Por parte da USC, os dez primeiros chanzos da clasificación ocúpanos Juan José Nieto, Andrés Baselga, Juan C. Reboredo, María José Alonso, Arturo López Quintela, Néstor Armesto, Jesús F. Salgado, Jesús L. Romalde, Luis Botana e María Loureiro. En concreto, a clasificación considera as citas entre 1996 e 2024 dos documentos publicados dende 1960, facendo unha ponderación por áreas e subáreas.

A clasificación coordinada por John P. A. Ioannidis chegou neste mes de setembro á súa oitava versión e proporciona información estandarizada sobre citas, índice h (sistema de medición da calidade baseado na relevancia da produción científica dunha persoa, ao ter en conta o conxunto dos seus traballos máis citados e o número de citas de cada un destes traballos), índice hm axustado por coautoría, citas a artigos en diferentes posicións de autoría e o indicador composto C-Score. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2025.