Aberta a inscrición no encontro ‘A xestión cultural a debate’, que se celebrará do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro en Humanidades

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC celebrará do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2019 un encontro aberto e de debate sobre a realidade e as potencialidades da xestión cultural desde a óptica profesional, académica e de inserción laboral. As persoas interesadas en participar neste foro sobre potencialidades académicas, profesionais e laborais da xestión cultural poden matricularse de balde ata o día 22 de xaneiro na web do evento.
A xornada ‘A xestión cultural a debate’ está promovida a iniciativa da Facultade de Humanidades coa pretensión de avanzar na definición máis precisa do espazo profesional e formativo máis acaído para o emerxente perfil laboral da xestión cultural, tanto en espazos públicos como no ámbito da iniciativa privada.
A organización encontro enmárcase na liña de traballo e de colaboración emprendida hai anos pola Facultade de Humanidades de Lugo e colaboración con outros centros de ensino universitario que imparten titulacións de grao en xestión e comunicación cultural. Daquela, o programa deste encontro inclúe entre os relatores convidados diversos responsables académicos e investigadores das universidades de Córdoba, Huelva, Girona e mesmo o director da Área de Investigación en Economía da Cultura e Turismo (Econcult) da Universidade de Valencia.
Consultores privados e de entes públicos, técnicos de orientación laboral e xestores de comunicación completan a nómina de relatores que intervirán no primeiro bloque temático deste encontro, centrado na xestión cultural como grao universitario e espazo profesional. O director honorífico da Cátedra Unesco ‘Políticas Culturais e Cooperación’ da Universidade de Girona, Alfons Martinell Sempere, abrirá esta primeira quenda temática cunha intervención sobre o xurdimento e a necesidade dos graos en Xestión Cultural.
Cunha estrutura diferente, a través de relatorios e talleres prácticos, o encontro ‘A xestión cultural a debate’ afondará no deseño e na organización de eventos culturais durante o segundo bloque temático. A organización dun festival de bandas de música e a funcionalidade das escolas de música como modelos de xestión e dinamización social e cultural dun concello centrarán a primeira xornada deste bloque, que inclúe tamén relatorios sobre a creación de eventos e o turismo cultural, ademais dun taller sobre a xestión do parque arqueolóxico de Campo Lameiro.
As persoas interesadas en participar no encontro ‘A xestión cultural a debate’ poden formalizar xa a súa inscrición de balde no formulario en liña accesible na web, para logo envialo ao enderezo web margarita.vilela [at] usc.es (margarita[dot]vilela[at]usc[dot]es). O prazo de matrícula neste foro, aberto á participación de docentes e investigadores, profesionais no ámbito da xestión cultural, estudantes demais público interesado, rematará o 22 de xaneiro.