Ir o contido principal

Aberta a preinscrición nos Campionatos Galegos Universitarios e de España

O voleivol é unha das modalidades ofertadas. FOTO: Santi Alvite
O voleivol é unha das modalidades ofertadas. FOTO: Santi Alvite
A convocatoria constitúe, tal e como explica o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, “unha oportunidade única non só para representar a USC, senón tamén para fomentar a convivencia con deportistas das outras universidades”
Lugo, Santiago de Compostela

A Área Deportiva da USC acaba de abrir o prazo de preinscrición para participar nos Campionatos Galegos Universitarios nas modalidades de Baloncesto, Balonmán, Fútbol, Futsal, Natación, Orientación, Rugby-7, Vela e Voleibol. As persoas interesadas poden solicitar a súa participación, antes do 7 de febreiro, a través desta ligazón e logo de rexistrarse na aplicación da Área Deportiva da USC. A convocatoria diríxese ao conxunto da comunidade universitaria e constitúe, tal e como explica o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, “unha oportunidade única non só para representar a USC, senón tamén para fomentar a convivencia con deportistas das outras universidades”.

Unha vez recibidas todas as solicitudes, procederase á súa avaliación e selección definitiva. Durante o proceso, requirirase tamén a asistencia dos e das solicitantes ás convocatorias realizadas pola Área Deportiva da USC a efectos de adestramentos ou reunións, entre outros. Poderase solicitar 1 crédito ECTS, que se expedirá ao final do curso académico.

Campionatos de España

Antes do 21 de febreiro, tamén poderá formalizarse a solicitude para participar, a nivel individual, nos Campionatos de España Universitarios. Poderán participar todas aquelas persoas que se atopen matriculadas no curso actual e que acrediten ser estudantes de grao, mestrado ou doutoramento, de títulos que teñan carácter oficial e validez en todo o territorio estatal, e que ademais cumpran cos requirimentos e criterios establecidos na convocatoria. Para formalizar a solicitude tamén é preciso estar rexistrado/a na aplicación da Área Deportiva da USC e despois preinscribirse a través desta ligazón. Poderanse solicitar 2 créditos ECTS, que se expedirán a final do curso académico.

A listaxe de deportes ofertados, polo de agora, compóñena Atletismo, Bádminton, Campo a través , Escalada, Esgrima, Halterofilia, Judo, Karate, Loita, Natación e natación adaptada, Orientación, Padel, Taekwondo, Tenis, Tenis de mesa, Tríatlon, Volei praia e Xadrez. A participación nos deportes colectivos depende de que a USC se proclame campioa galega nalgunha das modalidades celebradas nos devanditos campionatos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.01.2023.