Aberta a recepción de traballos para o I Encontro Internacional Memorias de Música: casas-museo no espacio ibérico

As casas-museo da Península Ibérica favorecen o diálogo entre o espazo doméstico, o de creación e o institucional. Nelas, pode haber un vasto patrimonio musical resultante do devandito hibridismo funcional que carece dun estudo profundo. O asunto reviste gran complexidade dado que cada casa-museo goza dunha ideosincrasia particular, moi relacionada co seu devir histórico, configuración arquitectónica, localización en zona rural ou urbana e comunidade circundante.
Para afondar en todo isto, tratando tanto as herdanzas sonoras de épocas previas á musealización das vivendas como aqueles eventos musicais que se produciron posteriormente ao devandito proceso, persoal investigador da USC e de Porto (Portugal) organizan o I Encontro Internacional Memórias de Música: casas-museu no espaço ibérico, que se desenvolverá na cidade do Porto (Facultade de Letras, Museo Nacional Soares dos Reis e Conservatorio) entre os días 3 e 5 de xullo.
Este evento científico preténdese plural e ilustrativo do panorama de investigación no ámbito da Historia da Arte e da Musicoloxía. Neste momento está xa aberto o prazo (ata o 30 de marzo) para o envío de propostas, colectivas ou individuais, nas modalidades póster, comunicación e comunicación-recital. As linguas oficiais son: portugués, galego, castelán e inglés.