Ir o contido principal

Aberto ata o 10 de decembro o prazo para inscribirse no programa Explorer dos campus de Lugo e Santiago

Explorer dá acceso a unha comunidade global de mocidade innovadora. Imaxe de arquivo de estudantado na USC. FOTO: Santi Alvite
Explorer dá acceso a unha comunidade global de mocidade innovadora. Imaxe de arquivo de estudantado na USC. FOTO: Santi Alvite
Para participar é preciso ser maior de idade e presentar unha solución innovadora que aborde algúns dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
Lugo, Santiago de Compostela

A vixésima edición do programa Santander X Explorer, que leva xa 14 anos fomentando o emprendemento nas súas etapas máis temperás e apoiando a validación de ideas co fin de comprobar se poden converterse en proxectos rendibles e solucións innovadoras, xa está en marcha. O programa, de balde para as persoas participantes, está aberto nunha ducia de países: Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Estados Unidos, España, Perú, Portugal, Reino Unido e Uruguai. O prazo de inscrición nos campus de Lugo e Santiago da USC finaliza o 10 de decembro.

A formación en liña con metodoloxía “learning by doing”, a validación das ideas de negocio e o desenvolvemento das habilidades necesarias para transformar proxectos en solucións viables e rendibles son as ferramentas que atopan as persoas participantes en Santander X Explorer. Ao longo de doce semanas, asistirán a sesións de resolución de dúbidas con especialistas e de traballo co resto de integrantes, ademais de a charlas sobre emprendemento con persoas fundadoras de startups e figuras de relevancia internacional. 

Para participar é preciso ser maior de idade e presentar unha solución innovadora que aborde algúns dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Preténdese, desta forma, desenvolver o potencial emprendedor das persoas inscritas á vez que se traballa en propostas que aspiran a mellorar o mundo no que vivimos. Para iso ofreceráselles formación e asesoramento orientados a facilitar o desenvolvemento dun proxecto de negocio baseado nas súas propias ideas. 

Explorer permite obter un Certificado cunha dedicación mínima de 96 horas no itinerario formativo e dá acceso a unha comunidade global de mocidade innovadora que medra de ano en ano e que facilita o traballo en rede entre participantes de todo o mundo. A comunicación das candidaturas seleccionadas producirase o 31 de xaneiro e as actividades de formación darán comezo o 3 de febreiro de 2025. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.