Aberto o prazo de matrícula para os 40 cursos que integran a oferta 2023 da Universidade de Verán

A Universidade de Verán da USC achegará nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro un amplo catálogo de cursos que se desenvolverán en Compostela, Lugo e diversas vilas galegas. Dende este mércores 10, xa é posible matricularse en cada unha das 40 actividades ofertadas. O prazo permanecerá aberto ata dez días antes do comezo de cada curso.
Turismo sostible, os delitos cometidos no mar, os servizos sanitarios, a figura de Francisco Fernández del Riego ou a lactación materna para profesionais serán algunhas das temáticas abordadas. Tamén integran a listaxe de temas as pegadas xudías entre nós, a calidade de vida en persoas maiores, a transición enerxética, a identidade escocesa, a intelixencia artificial ou o Big Data. Entre os temas desta edición 2023 atópanse ademais a nutrición nos deportistas de alto rendemento, a obra de Tolkien, os corpus lingüísticos, o mindfulness, a igualdade de oportunidades 2.0, a poética da paisaxe, a análise de datos con R, a fotografía da costa galega, os riscos cardiovasculares, a divulgación científica ou os ODS.
Ademais, nesta Universidade de Verán tamén hai oco para falar de emprego xuvenil, da non ficción entre a mocidade, a simulación clínica, as relacións entre Galicia e Portugal, a bioloxía, as ferramentas para transcribir o coñecemento científico, a economía circular, ou a axenda 2030. O catálogo de cursos inclúe propostas que afondan na interpretación os debuxos infantís, no estímulo matemático, no Camiño de Santiago, na biodiversidade, nos viños galegos, na situación das e dos menores, no maltrato animal, nos incendios forestais, nas matemáticas húngaras ou nas claves para unha transición agroecolóxica en Galicia.