Abre a décimo sexta edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e Investigación

A USC convoca unha nova edición dos Premios á introdución da perspectiva de xénero, financiados polo Concello de Santiago, coa finalidade de fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, considerada como unha dimensión de calidade. A admisión de candidaturas finaliza o 20 de maio do 2025.
Os premios teñen dúas modalidades, a experiencias docentes que teñan incluído a perspectiva de xénero e a investigacións con perspectiva de xénero, das que resultarán premiadas en cadansúa categoría tres iniciativas cunha dotación económica de 1.000 euros para o primeiro premio, de 750 para o segundo e de 500 para o terceiro.
Na primeira modalidade o contido ten que tratar sobre unha experiencia educativa innovadora relativa á inclusión da perspectiva de xénero na docencia, realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos. A experiencia terá que incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade e terase en conta que sexa susceptible de ser trasladada a outros contextos de ensino superior.
A outra modalidade premiará traballos de investigación desenvolvidos nos últimos tres anos en calquera ámbito do coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipótese, deseño e proxecto, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación de resultados obtidos.
