Abre o prazo para participar no Concurso de Postais de Nadal da Fundación USC

A Fundación USC acaba de convocar unha nova edición do Concurso de Postais de Nadal dirixido a nenas e nenos que naceran entre os anos 2012 e 2021 (ambos os dous incluídos). Este certame alcanza a súa duodécima edición, á que se poderán presentar candidaturas ata o luns 9 de decembro tendo como temática central propostas que xunten o Nadal e o deporte. O ditame do xurado farase público o 16 de decembro. As persoas interesadas poden consultar as bases completas na web da Fundación, así como descargar o formulario de participación.
Cada participante poderá presentar un único traballo. Este debe realizarse en cartolina tamaño DIN-A4 por unha soa cara e poderase utilizar calquera técnica de debuxo, pintura ou colaxe. Os traballos non se poderán presentar enmarcados nin suxeitos con ningún tipo de soporte e as cartolinas tampouco poderán estar dobradas. A temática da postal debe unir o Nadal e o deporte. No caso de levar texto (non é obrigatorio), deberá ser en galego.
O premio do concurso consistirá nun vale de 100 euros para trocar por material deportivo e nunha praza no Verán CampUSC 2025, campamento urbano, deportivo e de lecer que se celebra anualmente nas instalacións deportivas do Campus Sur dende hai máis de quince anos. A obra gañadora tamén formará parte da felicitación de Nadal da Fundación USC este ano.
O xurado poderá outorgar un accésit cuxo premio consistirá nun pequeno lote de libros.
