Ir o contido principal

Abre a sétima convocatoria Seed Funding de EUniWell, de financiamento de proxectos que melloren o benestar en todos os ámbitos

A convocatoria estará aberta ata o vindeiro 15 de setembro
A convocatoria estará aberta ata o vindeiro 15 de setembro
A presentación de propostas está aberta a toda a comunidade universitaria e os proxectos seleccionados poderán recibir unha subvención de ata 25.000 euros

O consorcio europeo de universidades EUniWell (Universidade Europea do Benestar) no que está integrado a USC vén de anunciar a apertura da sétima convocatoria Seed Funding. Trátase dun programa de financiación que persegue que persoal investigador, profesorado, estudantado e persoal administrativo de toda a alianza EUniWell poñan en marcha proxectos colaborativos que melloren de xeito diverso e significativo o benestar na saúde, na educación, no eido institucional e na esfera persoal, así como na sociedade e na cultura en xeral.

Nesta convocatoria, que estará aberta ata o vindeiro 15 de setembro, cada proxecto innovador pode recibir unha subvención máxima de 25.000 euros a distribuír entre os diferentes socios, e terá unha duración de ata 12 meses. Iso si, as propostas deben contar coa participación de membros de polo menos catro universidades do consorcio. A resolución da convocatoria coñecerase no mes de novembro.

Sesións informativas
As persoas interesadas no proceso de solicitude poderán asistir en xullo a tres sesións informativas en liña: o martes 9, o mércores 17 e o xoves 25 en horario de 12.00 a 13:30 horas.

Nestas sesións, as persoas participantes terán a posibilidade de compartir as súas ideas de proxecto, conectar con posibles colaboradores e resolver calquera outra dúbida relacionada co proceso de solicitude. As consultas poden dirixirse ao enderezo contactform [at] euniwell.eu (contactform[at]euniwell[dot]eu).
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.09.2024.