Ir o contido principal

Agasallos vexetais a prol dun futuro sustentable

Castiñeiros plantados en As Gándaras ao abeiro do proxecto Life Lugo+Biodinámico
Castiñeiros plantados en As Gándaras ao abeiro do proxecto Life Lugo+Biodinámico
Investigadores do grupo Sistemas Silvopastorais da EPS de Enxeñaría da USC distribúen desde hoxe máis dun centenar de castiñeiros á comunidade universitaria nunha acción divulgativa do proxecto LIFE Lugo+ Biodinámico, a través da que se repartirán de balde 500 plantas en envases biodegradables ás persoas interesadas
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC distribúe desde hoxe máis dun centenar de castiñeiros en envases biodegradables aos membros da comunidade universitaria no marco dunha acción divulgativa do proxecto Life Lugo+Biodinámico, a través da que o Concello prevé repartir de balde un total de 500 plantas a todas as persoas interesadas. Esta iniciativa simbólica constitúe un novo pulo a prol dun futuro sustentable e da recuperación da cultura dos soutos, segundo indicou o investigador do grupo Sistemas Silvopastorais da USC e director do Laboratorio de Micropropagación da EPSE, Juan Luis Fernández Lorenzo.

As persoas da comunidade universitaria interesadas en facerse con exemplares do novo lote de plantas de castiñeiro que se repartirán no Campus de Lugo poderán recollelas de xeito gratuíto hoxe e mañá, en quenda de 18.15 a 20.00 horas, no invernadoiro de docencia da EPS de Enxeñaría. O reparto destas plantas de castiñeiro aptas para a súa plantación, exemplares dun zume de entre 30 e 50 centímetros dispostos en envases de fibra de coco, prolongarase tamén na mañá do mércores 3 de marzo, en horario de 9.15 a 11.50 horas.

O profesor Juan Luis Fernández explicou que o material vexetal que agora doa a EPS de Enxeñaría pretende difundir unha das accións do Life Lugo+Biodinámico desenvolvida pola USC e que permitiu establecer un souto de castiñeiros de 3,6 hectáreas no polígono das Gándaras. “Trátase de variedades de castiñeiro galego con aptitudes froiteiras”, sinala este investigador, ao tempo que precisa que “son castiñeiros bravos, que máis adiante deberían ser enxertados e cuxa plantación sobre o terreo non debería demorarse máis de dúas semanas”.

O responsable do Laboratorio de Micropropagación da EPS de Enxeñaría agarda que esta nova acción contribúa a sensibilizar, ademais de difundir, o importante cometido desenvolvido nos últimos anos ao abeiro do Life Lugo+Biodinámico, un programa que rematará tan pronto como conclúan os traballos de construción do chamado edificio Impulso Verde. Esta estrutura de tres plantas de altura feita con madeira galega e responde a unha actuación pioneira en Galicia e está chamada a simbolizar as potencialidades e as vantaxes que ofrece este material vexetal para a construción, dixo.

Alén deste novo edificio situado nun enclave próximo ao futuro barrio multiecolóxico das Gándaras, o Life Lugo+Biodinámico, tamén deu pé a outras accións non menores, tales como o son, ademais do xa citado souto, a creación do Arboreto ou xardín botánico representativo das especies leñosas máis habituais en Galicia, a recuperación da contorna de área húmida existente no polígono das Gándaras e tamén a habilitación nas súas proximidades dunha plantación de cultivos enerxéticos, entre os que destacan chopos e ‘miscanthus’, unha planta bioenerxética híbrida e estéril, de fácil cultivo e manexo, que resulta moi valorada para a produción de ‘pellets’.

Souto das Gándaras

Ilusionado coa posibilidade de que as tres parcelas de terreo do barrio lugués das Gándaras habilitadas como soutos ao abeiro do Life Lugo+Biodionámico se convertan nun futuro inmediato nun espazo natural, de coñecemento e de lecer para a sociedade luguesa, Fernández Lorenzo salientou que estes soutos están formados por cinco variedades galegas de castiñeiro, todas elas certificadas: De Parede, Branca, Ventura, Garrida e Negral.

Máis de 200 dos castiñeiros plantados están en bo estado e moitos xa comezaron a dar froito, aínda que cómpre agardar un tempo máis para ter as primeiras colleitas de castaña, comentou Fernández Lorenzo. Este investigador sinalou que a distribución lineal das diferentes variedades de planta facilitarán a posterior clasificación das castañas, ao tempo que aventurou colleitas prolíficas, dado que “o 25% das plantas son da variedade Negral, a máis polinizadora”, concluíu.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.03.2021.