Ir o contido principal

Unha alumna da EPS do Campus Terra accede á vicepresidencia do Consello de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais de España

María López de la Calle, no centro, entre David Jorge y Manuel López
María López de la Calle, no centro, entre David Jorge y Manuel López
A enxeñeira agrícola e agroalimentaria e estudante do Máster en Agrónomos María López de la Calle figura entre os membros fundadores deste órgano estudantil

A graduada en enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e alumna do Máster Universitario en Enxeñaría Agrónoma na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC María López de la Calle vén de ser nomeada vicepresidenta do Consello de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais de España (Seiaf) no marco do último encontro de representantes destas enxeñerías desenvolvido en Valencia.

López de la Calle, vogal ata a actualidade neste órgano estudantil que agroma a representantes da práctica totalidade de centros universitarios españois que imparten estudos de enxeñaría agronómica e forestal, pasa a formar parte da nova xunta de goberno do Seiaf, da que David Jorge García, da UPV, continúa como presidente.

A renovación parcial da xunta directiva do Seiaf non supón cambio algún nos obxectivos marcados por este consello estudantil desde a súa constitución e que pasan por contribuír a darlle máis visibilidade á profesión, posicionarse formalmente ante as medidas adoptadas polo Ministerio de Educación que afecten á profesión e ás titulacións en cuestión, e ofrecer novas vías e recursos para mellorar a formación do alumnado que está a completar estudos universitarios de enxeñarías agroforestais.

O encontro de representantes de enxeñerías agroforestais desenvolvido na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agronómica e do Medio Natural da Universidade Politécnica de Valencia contou co apoio da propia institución académica, así como do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos, dos colexios oficiais de enxeñeiros agrícolas, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes, así como do Proxecto Ecostar e da Cátedra Consum da propia UPV.

Esta xuntanza, na que tamén participou o alumnado do grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC Ricardo López Rodríguez, serviu asemade para formalizar a admisión como membros do Consello de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais de España (Seiaf) da Escola Superior de Técnica de Enxeñaría da Universidade de León, da Escola Politécnica de Mieres da Universidade de Oviedo e da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Cidade Real, da Universidade de Castilla La Mancha.

Outros puntos clave desta xuntanza, na que se acordou celebrar a próxima edición deste encontro nacional na Escola Politécnica Superior de Orihuela (Alacante), foron os acordos adoptados cara a facer visibles as atribucións profesionais das distintas titulacións universitarias que representa a Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (Seiaf), ademais de para fomentar a realización de cursos ou colaboracións con diferentes entidades amplías as posibilidades de formación de todo o alumnado dos centros adheridos.

Estudanes particiantes no encontro celebrado en Valencia

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2017.