Ir o contido principal

Alumnado de Ciencias da Educación crea materiais didácticos dirixidos a persoas con diversidade funcional asociada a dificultades cognitivas

Alumnado presentando o material didáctico
Alumnado presentando o material didáctico
USC e ASPABER coincidiron na necesidade da posta en marcha dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo “dada a escaseza de recursos educativos para traballar con alumnado con diversidade e a ausencia de cursos formativos para os profesionais que traballan neste sector”, explica o profesor Jesús Rodríguez
Santiago de Compostela

A USC e a asociación de pais para persoas con discapacidades psíquicas de Bergantiños ASPABER unen forzas para a creación de materiais didácticos dirixidos a persoas con diversidade funcional asociada a  dificultades cognitivas. A comezos do curso 2022-2023, USC e ASPABER coincidiron na necesidade da posta en marcha dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) “dada a escaseza de recursos educativos para traballar con alumnado con diversidade e a ausencia de cursos formativos para os profesionais que traballan neste sector”, explica o profesor da USC, Jesús Rodríguez.

Neste proxecto participou máis dun cento de alumnado universitario das materias ‘Deseño e Elaboración de Materiais Didácticos’ (4º curso do Grao en Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria), ‘Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos’ (4º curso do Grao en Pedagoxía) e ‘Formación en Rede’ (4º curso do Grao en Pedagoxía). O proxecto foi coordinado, ademais de polo profesor Rodríguez, por  Silvia López Gómez, Tania Caamaño Liñares e Ana Rodríguez Guimeráns.  

Na materia ‘Deseño e Elaboración de Materiais Didácticos’ creáronse unha serie de recursos dirixidos especificamente ao Centro Educativo de ASPABER. Algúns dos materiais deseñados foron unha tenda, un trivial, un xogo de preguntas cunha ruleta, vídeos titoriais, pósters informativos, ou taboleiros en formato dixital, entre outros.

O alumnado da materia ‘Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos’ foi o artífice da elaboración de recursos pensados para o Centro Ocupacional de ASPABER. Algúns destes recursos foron xogos de mesa como o denominado Aspapoly, unha ruleta das emocións, simulación de espazos de uso cotiá, historias interactivas, blogs ou mesmo unha canle de receitas chamada Aspachef.

O alumnado de 4º curso de Pedagoxía da materia de ‘Formación en Rede  foi o creador da configuración dun Campus Virtual creado mediante a plataforma Canvas LMS, dirixido aos profesionais da asociación ASPABER.  Este mesmo alumnado, alimentou dita plataforma con dous cursos sobre Competencia Dixital: ‘Área de Información e alfabetización informacional’ e ‘Área de seguridade’. “Ademais, é interesante destacar que estes cursos conteñen actividades interactivas para poder avaliar os coñecementos aprendidos”, explica o profesorado responsable da actividade. A plataforma permanecerá aberta para crear e engadir os recursos que se consideren necesarios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2022.