Ir o contido principal

Alumnado do grao en Robótica mergúllase na tecnoloxía da Aula de Produtos Lácteos da USC

Un técnico da APLTA presenta as instalacións tecnolóxicas a alumnado do grao en Robótica
Un técnico da APLTA presenta as instalacións tecnolóxicas a alumnado do grao en Robótica
Os técnicos da APLTA Luís Aldeanueva e Manuel Gómez completaron un percorrido guiado co alumnado polas instalacións do centro universitario lugués
Lugo

O alumnado de segundo curso do grao en Robótica que imparte a USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo visitou a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, onde os futuros titulados e tituladas tiveron a oportunidade de mergullarse na tecnoloxía que caracteriza o funcionamento destas instalacións singulares e pioneiras.

O alumnado desprazado ata a sede da APLTA puido coñecer de primeira man a planta piloto de escala semiindustrial da que dispón este centro universitario, unha plataforma tecnolóxica da USC que xa suma máis de 30 anos de experiencia e constitúese como un referente a nivel nacional na prestación de servizos tecnolóxicos á industria alimentaria en xeral e ao sector lácteo en particular.

O grupo de estudantes de  Robótica na USC que visitou a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias estiveron acompañados polos técnicos da APLTA Luís Aldeanueva e Manuel Gómez, que guiaron un percorrido explicativo por todas as instalacións. Este tipo de actividades, sinalan desde a APLTA, encádranse nas accións de divulgación entre o alumnado universitario do labor de I+D+i que se desenvolve neste centro tecnolóxico asentado en Lugo.

A planta piloto da APLTA constitúe unha instalación pioneira a nivel nacional, altamente valorada polo tecido industrial do sector. Daquela, segundo comenta Fernando Pardo, profesor do grao en Robótica, “é importante que o alumnado saia das aulas  e poida ver a relación entre os contidos que se imparten no grao e a realidade industrial, e estas instalacións da USC supoñen unha inmellorable oportunidade para facelo”.

 

Un técnico da APLTA presenta as instalacións tecnolóxicas a alumnado do grao en Robótica
Un técnico da APLTA presenta as instalacións tecnolóxicas a alumnado do grao en Robótica
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2021.