Ir o contido principal

Alumnos de secundaria e Bacharelato españois e portugueses inician na USC as súas Estadías Científicas de Verán

A USC, xunto coa Universidade Autónoma de Madrid, son as únicas universidades que acollen este programa

Vinte e cinco alumnos de España e Portugal, procedentes do ensino secundario e do Bacharelato, iniciaron este luns na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago as actividades do Programa Escive (Estancias Científicas de Verano), unha iniciativa da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e da Agência Nacional para a Cultura Científica e Tecnológica de Portugal. Os rapaces seleccionados para este terceira edición de Escive foron recibidos nun acto no que interviñeron o vicerreitor de Política Internacional, Agustín Merino, ao que acompañaron tamén a coordinadora do programa pola USC, Mª Isabel Braña; o coordinador do programa A Ponte, Luis Hervella; e a coordinada das actividades, Verónica Iglesias.
A Universidade de Santiago xunto coa Autónoma de Madrid son ás únicas dúas universidades españolas que acollen este programa que pretenden achegar aos máis novos á investigación científica e tecnolóxica poñendo ao seu alcance os medios empregados polos propios universitarios e facilitarlle a posibilidade de coñecer, convivir e colaborar cos estudantes doutros puntos de España e Portugal.
Para cumprir os seus obxectivos, o programa impulsa o contacto dos estudantes co traballo cotián dos investigadores en departamentos de investigación de universidades e institucións de ambos países. Ademais, lles ofrece a posibilidade de coñecer a aplicación do método científico a distintos ámbitos laborais facilitándolles as ferramentas necesarias para poder comunicar os resultados das técnicas aplicadas.
O total de alumnos seleccionados nesta terceira edición de Escive organízase en grupos distintos cada un dos cales terá un proxecto asignado. Nesta quenda, os proxectos propostos son ‘Augas residuais. Como eliminar a contaminación’, a cargo de Gumersindo Feijoo; ‘La tele que más mola’, do que é responsable Xosé Pereira; ‘Os musgos, detectives do aire’, de Jesús Aboal; ‘MathematCSI: investigando un delito’, a cargo de Mª Victoria Otero; ‘Enfermidades neurodexenerativas: do laboratorio á clínica’, coordinado por José L. Relova; e ‘¡Vivir, domir, tal vez soñar!, do que se responsabilizan Ángela Peñalva e Ignacio Muñoz.
O programa vaise estender ata o próximo día 13 cun amplo abano de actividades, tanto de carácter científico como de lecer e social. Seguiralle unha segunda quenda entre o 16 e o 23 de xullo cun novo grupo de estudantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2009.